As redes sociais non achegan a mocidade á programación cultural de Pontevedra

Analizar o grao de coñecemento e participación da mocidade na programación cultural que se desenvolve en Pontevedra e o papel das redes sociais e influencers neste ámbito. Estes eran os principais obxectivos do estudo desenvolvido pola profesora da Facultade de Comunicación Beatriz Martínez ao abeiro do programa de axudas para o desenvolvemento de iniciativas investigadoras financiado pola Deputación de Pontevedra, no marco dun convenio de colaboración coa UVigo. A través dunha enquisa e da organización de grupos de discusión, este traballo permitiu constatar que se ben mozos e mozas “si están conectados” coa oferta cultural da cidade “da que parecen participar e din interesarse”, como explica esta investigadora do grupo CS1, non o fan a través das redes sociais das institucións e entidades culturais da localidade.

Diferentes estudos, lembra Martínez, sinalan que “a programación cultural tradicional non sempre logra captar a atención dos mozos, debido a unha desconexión en termos de linguaxe, formatos e accesibilidade”. Neste contexto, resulta “crucial entender o papel das redes e influencers nos seus intereses”, que se teñen convertido en “ferramentas clave” á hora de achegar a programación cultural ás novas audiencias. Analizar o seu papel na “conexión entre a oferta cultural” de Pontevedra a as novas xeracións era nese senso un dos propósitos do proxecto Conectando culturas: Análisis de la oferta cultural de Pontevedra en redes sociales y su impacto en los jóvenes, con atención también al Camino de Santiago.

Unha “fenda” nas redes sociais

A enquisa realizada a 158 mozas e mozos de entre 18 e 27 anos, o 76% mulleres, permitiu constatar o elevado uso que as novas xeracións fan das redes sociais, ás que o 83% dedican cando menos dúas horas ao día e, dentro destes, un 38% máis de catro horas diarias, sendo Instagram e TikTok as maioritariamente utilizadas. Non obstante, o 65% dos mozos e mozas non coñece as contas das institucións e organizacións culturais da cidade e só o 12,7% participa en actividades ou eventos culturais promocionados a través das redes sociais. Isto leva a Martínez a incidir na existencia dunha “fenda” nas redes sociais e unha mocidade que segue “outro tipo de contas” e que “pon en valor o entretemento” por riba de ámbitos culturais concretos. De feito, as e os participantes sinalaban como principal motivación para participar neste tipo de actividades “as recomendacións dos amigos”. Ademais, o 64% das enquisadas e enquisados “non considera adecuadas as estratexias de comunicación das institucións culturais” nas redes sociais, que consideran “pouco atractivas”, o que leva a investigadora a concluír que, se ben “mozos e mozas valoran a cultura local”, tamén “identifican unha desconexión significativa na forma en que se comunica e adapta aos seus intereses”.

Noticia completa: DUVI