Tomando o seu título da serie de Goya, a nova exposición impulsada ao abeiro da colaboración entre Belas Artes e o Museo de Pontevedra ten no potencial expresivo da cor negra e da escuridade o seu fío condutor. Na mostra Pinturas negras, trece artistas formados na facultade ou que exercen como docentes neste centro presentan un conxunto de obras de diferentes xéneros e con “significados moi diversos”, mais conectadas todas elas por “un vínculo formal e visual”, como é “a presenza do negro, da escuridade”, destaca o vicedecano de Cultura da facultade, Ignacio Pérez-Jofre, comisario desta exposición xunto á xestora cultural e investigadora predoutoral Sandra MG.
Pinturas negras inaugurase este venres 19 ás 19.00 horas no Edificio Castelao do Museo, onde poderá visitarse ata 6 de abril, e este mércores foi presentada por Pérez-Jofre e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez. Como sinalou o comisario, esta mostra “enmárcase nunha serie de proxectos que vimos realizando en colaboración co Museo” e que permitiron levar a este espazo as obras dunha serie de “artistas vinculados á facultade”, ben como antigos alumnos e alumnas, ben como docentes. Desta volta, Pérez-Jofre e a tamén comisaria Sandra Muñiz buscaron que a exposición tivese unha idea central, que rematou sendo a presenza da cor negra na obra destes trece artistas, “Pensamos que había unha conexión cunha certa tradición da pintura española e galega dun certo tenebrismo, dun uso dramático e expresivo da escuridade”, sinalou Pérez-Jofre. Nese senso, a través do título de Pinturas negras, buscaron pór o foco en que “a arte contemporánea, a pesar de ter a súa propia linguaxe, tamén procede dunha longa historia coa que estamos conectados”, como sería neste caso o xeito en que pintores como Goya plasmaron plasticamente esas ideas do escuro ou o tenebroso.
Trece propostas que van máis aló da pintura
“Nesta exposición podemos ver formas moi diferentes de entender ese uso do negro”, recoñeceu Pérez-Jofre dunha exposición que, como recolle o seu texto de presentación, achégase a esta cor “como orixe ou final da pintura, como escuridade, como materia opaca, como noite, como cegueira, como abismo, como morte” ou como a propia “negación da cor”. Faino en boa medida a través das creacións de artistas formados na facultade, como é o caso de Alejandra Pardo, quen aborda a escuridade “desde unha perspectiva de xénero”, a través da representación duns “espazos urbanos nocturnos” que poden traducirse en lugares dunha potencial “situación de perigo ou ameaza para a muller”, apuntou Pérez-Jofre. A tamén licenciada Mónica Cabo achega á mostra unha peza escultórica que formula o “paradoxo dun vehículo condenado á inmobilidade”, mentres que Erik Balbuena transforma un xeito caligráfico nunha pintura mural e Juan Rivas presenta unha serie de obras que amosan ríos fluíndo na escuridade. A cor negra define tamén a peza téxtil proposta por Julia Huete, mentres que Lúa Gándara emprégaa nos seus cadros como “negación, como unha forma de cancelar”.
Noticia completa: DUVI