Un percorrido pola historia do deseño gráfico en Galicia, que “retrocede varios séculos na historia dos símbolos que forxaron a identidade do país e que influíron no deseño gráfico contemporáneo”. Deste xeito presenta o decano da Facultade de Deseño, Marcos Dopico, A Galicia deseñada, o libro que recolle os resultados da investigación sobre a creación de símbolos, marcas e identidades gráficas en Galicia que levou a cabo xunto aos deseñadores e investigadores Cibrán Rico e Suso Vázquez. Editado pola Universidade da Coruña e Fabulatorio, o volume permite coñecer como unha serie de símbolos “arraigados na cultura galega” foron empregados e reinterpretados por institucións e empresas para a construción de identidades corporativas que as vinculasen co territorio, contribuíndo, como sinala Dopico, a que Galicia posúa “unha identidade gráfica diferenciada”.
Resultado da investigación desenvolvida por Dopico xunto a Rico e Vázquez, responsables do estudio Desescribir, investigadores predoutorais na UVigo e profesores na Facultade de Deseño, A Galicia deseñada toma como base a exposición do mesmo nome que presentaban a finais de 2022 na Sala Normal da Universidade da Coruña. Nela, propuñan un percorrido pola historia do deseño en Galicia a través dunha selección de cen símbolos, marcas e identidades gráficas, que agora amplían nun volume de preto de 700 páxinas con novos textos que afondan nos “diferentes condicionantes económicos, sociais e políticos que ao longo da historia influíron no deseño no país” e con “novas pezas e marcas gráficas”. Trátase nese senso, recoñece Dopico, do primeiro libro “que analiza de forma completa e extensa a historia do deseño de identidades corporativas e a creación de símbolos identitarios” en Galicia.
Símbolos reinterpretados desde unha óptica contemporánea
“Unha das claves” deste traballo, sinala o investigador do grupo dx7, é como este percorrido histórico permite pór o foco na existencia dunha serie de “mitos-de-lugar”, símbolos ou elementos da cultura popular que de xeito recorrente foron empregados para a construción de identidades corporativas. Ese sería o caso da cuncha de vieira como símbolo de peregrinación, da Cruz de Santiago, das “marcas primixenias atopadas en castros” ou das “inscricións lapidarias” realizadas por canteiros nas igrexas e que “influíron na creación de tipografías propias”, sinala. “Neste senso, Galicia posúe unha identidade gráfica diferenciada do resto do Estado”, recoñece Dopico, que incide en que se ben en España “optouse máis por unha imaxe vinculada á mediterraneidade dos trazos pictóricos de Miró e Tapies”, en Galicia “propúxose un deseño gráfico máis atlántico e sobrio”.
Neste punto, lembra que a “idea orixinaria do libro” era pór en valor o traballo dunha xeración de deseñadores e deseñadoras que, tras a Transición, “crearon os símbolos e identidades das novas institucións públicas, como a Xunta de Galicia” e renovaron a imaxe de concellos, organismos públicos e empresas. Foi a análise dos traballos de deseñadores e deseñadoras como Alberte Permuy, Xosé María Torné, o Grupo Revisión Deseño, Uqui Permuy ou Eloy Lozano a que levounos a comprobar como estes profesionais “botaron man con mestría de moitos símbolos arraigados na cultura galega dende había séculos, reinterpretándoos dende a óptica contemporánea”. Isto levou a ampliar o foco de análise, dando lugar a unha investigación que abrangueu desde a análise de símbolos medievais ou das marcas creadas polas primeiras industrias creadas en Galicia ata a influencia do Laboratorio de Formas, “unha experiencia clave para entender o deseño identitario en Galicia”, na que Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo “propuxeron a recuperación das formas tradicionais propias da cultura galega silenciada pola ditadura”.
Noticia completa: DUVI