Preto de 40 integrantes das equipas decanais de 13 das 16 facultades de Belas Artes de España reúnense nas xornadas de xoves e venres en Pontevedra para debater sobre o futuro desta titulación e as principais demandas destes estudos. Fano na Conferencia de Decanos e Decanas de Belas Artes de España, que por segunda vez desenvolve a súa xuntanza plenaria na Universidade de Vigo. Ao longo destas dúas xornadas, as e os responsables das diferentes facultades abordarán cuestións como os efectos nesta titulación da Lei de Ensinanzas Artísticas ou a necesidade de definir criterios para o recoñecemento da produción artística nas acreditacións do persoal investigador. Ás reunións de traballo veranse complementadas á súa vez por unha serie de visitas a diferentes institucións culturais, como o Museo de Pontevedra, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) ou a Cidade da Cultura.
O decano da Facultade de Belas Artes anfitrioa desta reunión, Xosé Manuel Buxán, abría na mañá deste xoves a primeira reunión de traballo subliñando a “honra” que supón tanto para este centro como para a Universidade de Vigo exercer como sede desta conferencia. Nese senso, destacou o interesante desta iniciativa tanto para potenciar “a nosa conexión co resto de facultades” de España como para que as e os seus responsables coñezan á súa vez “a historia e o contexto” deste centro. Ao mesmo tempo, outro dos obxectivos desta conferencia, sinalou Buxán, é que os diferentes equipos decanais poidan obter unha “visión panorámica”, tanto do “contexto social e cultural no que se enmarca a facultade” como dalgunhas das principais institucións vinculadas á arte de Galicia.
Noticia completa: DUVI