Simposion´t é o título da instalación que este luns 24 pode contemplarse na sala O Abrigo de Belas Artes e que presenta algúns dos resultados dun proxecto desenvolvido pola estudante da facultade Ana Allegue e o titulado Javier Rouco valéndose dun implante coclear como un sistema de rexistro de son. “Os artistas amplían o rol deste dispositivo, non só como ferramenta médica, senón tamén como medio para explorar a percepción sensorial modificada e as interferencias que se orixinan”, sinalan desde este espazo expositivo, xestionado polo colectivo artístico Lupercais. O punto de partida da instalación que este luns pode contemplarse neste espazo foi a performance que estes dous artistas desenvolveron na última edición da Culturgal e que agora se presenta nunha peza en vídeo, complementada á súa vez por algúns dos elementos empregados para esta acción, como o molde dunha orella no que se colocaba o implante e un conxunto de imaxes xeradas tomando como punto de partida as instrucións do propio dispositivo e que “funcionan como unha especie de partitura”, apunta Rouco.
O proxecto que Allegue e Rouco presentaron no espazo da facultade na Culturgal tiña como obxectivo afondar “na subxectividade do individuo e a súa identidade, explorando, dende a metáfora da interface as tensións entre a ‘normalización’ e ampliación tecnolóxica”, sinalan, “nunha era onde corpo e sentidos poden ser alterados e potenciados pola tecnoloxía”. Deste xeito, como destaca Rouco, buscaron afondar “nos fallos que se producen nas comunicación e nos sistemas en xeral”, unha idea que se ve reflectida á súa vez no título deste proxecto expositivo, que emprega o termo de “simposio” e a idea de negación, como un xeito de falar dunha conversa que, á súa vez, é imposible. De feito, estes dous artistas optaron por presentar sen ningún son a peza en vídeo que rexistra a performance na que empregaron tanto o dispositivo externo do implante, a modo de micrófono, como unha controladora de son, “que conectabamos ao implante, a uns altofalantes e a si mesma, para que provocara erros”, dando lugar a un “ruído” que “interfería moito na comunicación” e que á súa vez foi empregado como fonte para distorsionar as imaxes tomadas na propia sala. Deste xeito, a proposta que agora presentan neste espazo expositivo da facultade busca afondar na “relación entre o material e o dixital” e entre “a linguaxe, a virtualidade e o corpo”.
Noticia completa: DUVI