Dun proxecto académico a unha firma que se proxecta na Fashion Week Madrid

O pasado mes de novembro, Andrea Rodríguez presentaba a súa colección Me lo pido en Debut, o desfile no que os novos egresados e egresadas do mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda amosan os proxectos que desenvolveron como traballo de fin de máster. Parte desta colección e novas pezas que continúan esa liña de traballo poden verse nestes días na 80 edición da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid, despois de que Rodríguez Eiras fose unha das quince deseñadoras seleccionadas para participar no Showroom Allianz Ego, o espazo destinado a marcas emerxentes da pasarela madrileña.

Concretamente, Rodríguez Eiras estrea na pasarela madrileña a súa marca RDRS, xurdida do seu proxecto de fin de máster. “A marca naceu desta colección e segue a mesma liña conceptual, artística e téxtil”, sinala esta egresada, que desenvolveu como traballo final para este mestrado da Facultade de Deseño unha colección na que buscaba recrear “un universo infantil” a partir de pezas cheas de cor, texturas e estampados. “O que expoño aquí, na Allianz Ego é parte da colección de Debut e outras pezas que fixen despois e que van na mesma liña, evocando o infantil”, sinala a deseñadora, que comezou xa “a experimentar con diferentes téxtiles, técnicas e materiais” na súa etapa como alumna da Facultade de Belas Artes. “A partir de aí, matriculeime no mestrado e seguín con isto ata a presentación da colección de fin de máster en Debut”, lembra esta egresada, que desde este xoves exhibe na Fashion Week parte dunha colección na que propuña “unha revisión dos obxectos e a súa función, ensamblando e experimentando con varios materiais ata chegar a unha colaxe táctil e visual que evoca o xogo”. Ao mesmo, a estas “pezas máis artísticas”, nacidas cmo traballo académico, suma outras propostas que “expanden” este universo “a nivel custom e de vestir”, posto que o showroom é un espazo no que non só pode exhibir o seu traballo, senón tamén pór á venda as súas creacións.

Noticia completa: DUVI