Presentación do I Congreso internacional da creatividade

Exercer “como motor da investigación arredor da creatividade” e mais concretamente, sobre as súas conexións coa comunicación, o deseño, a arte e a educación, os catro eixes do proxecto de especialización Campus Crea. Ese é, como sinalaba a vicerreitora Eva María Lantarón, o obxectivo central do I Congreso Internacional de Creatividade, impulsado polo Campus Crea co apoio da Deputación de Pontevedra. “A organización deste congreso é un evento clave para a configuración do campus de especialización de Pontevedra”, sinalou Lantarón dun evento que se desenvolverá o 4 e 5 de novembro na Casa das Campás e que combinará no seu programa as conferencias de profesionais e académicos coa presentación de investigacións que conecten a creatividade coas catro áreas do proxecto de especialización.

Xunto a Lantarón, Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación, e Juan Manuel Corbarcho, codirector deste congreso xunto co tamén profesor da Facultade de Comunicación Jesús Pérez Soeane, presentaron este xoves un congreso que pretende “situar Pontevedra como cidade creativa de referencia”. Trátase, como sinalou a vicerreitora de campus, dun evento que “atraerá docentes e investigadores a nivel nacional e internacional” e  que “permitirá dar unha grande visibilidade non só ao campus, senón  tamén á cidade”, no marco dos traballos para acadar a acreditación do Campus Crea. Nesa mesma liña, o vicepresidente da Deputación, que financia este evento con preto de 20.000 euros ao abeiro dun convenio de colaboración, destacou o positivo destas “sinerxías” á hora de facer de Pontevedra “un  faro da cultura e da creatividade”.

Un congreso estruturado en catro áreas

“Convén recordar que en Pontevedra dáse un ecosistema único de formación, investigación e transferencia en torno á creatividade, que hai que pór en valor”, engadiu Corbacho. Con esa idea, este “fito na proxección do campus” combinará no seu programa as conferencias nas que especialistas e profesionais afondarán en “como a creatividade ten influído en diferentes ámbitos”, a defensa de comunicacións e a presentación das creacións de egresados e egresadas da UVigo. Trátase dun programa desenvolvido polo Comité de Dirección do Campus Crea, que busca “pór en valor algo tan difícil de definir como a creatividade, pero que vertebra non só ámbitos sociais, senón tamén profesionais e académicos”, subliñou Corbacho.

+ info: DUVI