Arte e ciencia hibrídanse na exposición ‘Un bosque de malas hierbas’

Investigadora do grupo dx5 da Facultade de Belas Artes, Antía Iglesias centrou a investigación que desenvolveu para a súa tese de doutoramento no traballo con tres especies de plantas exóticas e invasoras que poden atoparse na ribeira do Umia e coas que tratou de xerar papeis e tintas. A investigación que levou a cabo no Doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible implicaba unha combinación entre a a creación artística e a enxeñaría química e forestal e, ademais destes materiais, deu lugar tamén a un conxunto de obras que se deteñen nos propios procesos de traballo para a obtención destes papeis e pigmentos, reunidas nunha exposición na Fundación RAC. Baixo o título de Un bosque de malas hierbas, esta mostra presenta un conxunto de pezas que abranguen do gravado e o debuxo aos procesos dixitais e as instalacións e que, explica, “pretenden visualizar esa colaboración entre a arte e a ciencia, abordando, desde a hibridación de ambas linguaxes e metodoloxías, a cuestión do residuo vexetal de especies exóticas”.

“A exposición é un resultado máis da tese”, recoñece Iglesias, que o pasado venres defendía na sede desta fundación a investigación que desenvolveu baixo a dirección da profesora de Belas Artes Anne Heyvaert, comisaria desta exposición, e da directora da Escola de Enxeñaría Forestal, Ángeles Cancela. A contuación, inaugurábase tamén unha mostra que pode visitarse desde este luns e que se insire na colaboración entre a Fundación RAC e a Universidade de Vigo. A exposición pode contemplarse en horario de 18.00 a 21.00 horas e clausurase este sábado 20 cunha visita guiada pola artista, que buscou que nela se visen reflectidas as dúas dimensións da súa investigación, “tanto a parte de laboratorio como de taller”.

Unha mirada artística a procesos científicos

“Un dos obxectivos principais do proxecto era o aproveitamento do residuo orgánico das especies seleccionadas para desenvolver materiais susceptibles de ser utilizados na práctica artística, e especialmente na arte gráfica”, sinala Iglesias, que con esa idea presenta en Un bosque de malas hierbas “un mostrario de materiais” desenvolvidos. Mais, ao mesmo tempo, os propios procesos de traballo no laboratorio “foron observados desde a súa dimensión creativa e estética”, servindo como motivo para unha serie de instalacións artísticas. Nese senso, a mostra reúne proxectos como Deconstrucción vegetal especulativa, unha serie de caixas de artista nas que aborda “desde a súa dimensión material, gráfica e artística”, explica, “a identidade das especies seleccionadas”, tres plantas catalogadas como invasoras, Tradescantia fluminensis, Phytolacca americana e Arundo donax,  xunto coa especie arbórea Eucalyptus globulus. Estas series reúnen ilustracións ou imaxes xeradas con técnicas de fotogravado e impresión dixital destas especies, postais que mostran fragmentos aumentados da planta ou mostras dos papeis, pigmentos e tintas.

A noticia completa no DUVI