Estudantes de Belas Artes e Deseño desenvolven proxectos inspirados na pedra xunto a alumnado doutras disciplinas

Xerar sinerxías entre o alumnado dos diferentes centros de formación artística superior de Galicia é o propósito da Residencia de Creadores e Creadores Emerxentes Interaccións artísticas en Galicia, que desde este martes reúne no Pazo de Mariñán, no muncipio coruñés de Bergondo, alumnado das facultades de Belas Artes e Deseño, dos conservatorios superiores de música da Coruña e Vigo e de diferentes escolas superiores de deseño. Coa pedra como eixe temático, o obxectivo destes encontros é que estudantes de diferentes ámbitos artísticos poidan traballar de forma conxunta e dar forma a proxectos creativos de carácter interdisciplinar. Promovida pola Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) xunto coas diferentes institucións educativas participantes, coa colaboración da Deputación da Coruña, trátase da quinta edición desta residencia, na que a UVigo está representada por oito alumnas do campus pontevedrés.

“O interesante destes encontros é que vén xente do ámbito da música, do teatro, das artes plásticas en todas as facetas… A idea é que poidan traballar en común e que xurdan proxectos desas conexións”, sinala o profesor de Belas Artes Ignacio Barcia, que coordina a participación do alumnado do campus neste proxecto xunto con Román Corbato, da Facultade de Deseño, centro que se suma por primeira vez a esta iniciativa. Ao longo desta semana, as estudantes Mónica Lago, Alba Pino, Elena Ramírez, Jimena Rodríguez, Nerea Santiago, Cristina Souto, Sandra Barreiro e Ruth Vidal desenvolven neste pazo as propostas artísticas que idearon a partir do lema desta edición A pedra: tempo e materia. Coincidindo co feito de que a RAGBA dedica neste 2024 o Día das Artes Galegas ao escultor Francisco Asorey, avogouse porque a pedra fose o “eido de reflexión tránsito ou chegada dos procesos de creación” desta edición, na que participan, xunto ás facultades e conservatorios, as escolas superiores de deseño Pablo Picasso, Mestre Mateo, Ramón Falcón e Antonio Faílde, así como a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD).

O encontro celebrou na tarde deste martes o seu acto inaugural, coas intervencións de Barcia e de Mónica Alonso, en representación da RAGBA, sucedido dunha conferencia introdutoria do profesor emérito da UVigo Juan Fernando de Laiglesia. O peche desa primeira xornada centrouse na posta en común dos distintos proxectos e ideas, co propósito de iniciar este mércores o seu proceso de desenvolvemento. A residencia pecharase na tarde deste venres cunha xornada de portas abertas dirixida a que o público poida coñecer as diferentes obras realizadas ao longo dunha semana de traballo conxunto, na que tamén terán lugar conferencias e actuacións musicais.

+ info: DUVI