Presentado o programa doutoramento CREA no IV Congreso Latinoamericano de Investigación y Educación Superior Interdisciplinaria

Preto de 450 docentes e investigadores de 95 institucións de ensino superior de 20 países reuníronse nos últimos días en Montevideo, con motivo do IV Congreso Latinoamericano de Investigación y Educación Superior Interdisciplinaria, dirixido a promover o intercambio de experiencias e proxectos baseados na combinación de diferentes áreas de coñecemento, como é o caso do programa de doutoramento do Campus Crea. De aí que a Universidade de Vigo fose unha tras tres institucións académicas españolas presentes no evento promovido pola Universidad de la República e no que a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, e a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, buscaban dar a coñecer o programa de doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible.

Creado en 2017, ao abeiro do proxecto de especialización do campus pontevedrés, este programa promove a realización de estudos que vinculen cando menos dous ámbitos de coñecemento diferentes, fomentando no desenvolvemento de investigacións interdisciplinares que conecten as áreas de innovación e sostibilidade dos recursos naturais; innovación en saúde; deseño e innovación social; innovación, sostibilidade e comunicación; innovación pedagóxica na profesionalización docente e gobernanza e innovación. De aí que Fernández Souto puña o foco na “oportunidade” que supuña estar presentes nun “congreso moi específico sobre interdisiciplinariedade e educación superior”, tendo en conta ademais que, se ben, “comezan a implantarse graos interdisciplinares”, existen menos experiencias no ámbito dos estudos de doutoramento, de tal xeito que se trata dun “programa bastante pioneiro, que espertou moito interese entre investigadores de diferentes países”, recoñece.

Nese senso, Lantarón destaca que un dos obxectivos da participación neste encontro era contribuír “á captación de alumnado de América Latina e do ámbito da lusofonía” para a un programa que, lembrou, desenvolve a súa formación de forma virtual, así como dar a coñecer as súas “características e particularidades” e achegar información respecto do procedemento e prazos de admisión, lembrando nese senso que a primeira preinscrición nos programas de doutoramento da UVigo abrirase o 2 de setembro. Do mesmo xeito, a vicerreitora valorou tamén o positivo deste evento á hora de dar a coñecer a oferta académica da Universidade e de “dar visibilidade tanto ao campus como ao proxecto de especialización”.

Unha iniciativa inserida no convenio coa Deputación

A participación neste congreso insírese nas accións dirixidas á potenciación do doutoramento financiadas pola Deputación de Pontevedra ao abeiro dun convenio de colaboración, ao igual que participación, tamén neste mes de xullo, da directora deste programa, Ángeles Cancela, no XIII Congreso Iberoamericano de Docencia Universitaria, celebrado en Lisboa. O obxectivo destas accións, lembra Fernández Souto, é contribuír tanto á captación de alumnado como a que investigadores e investigadoras de diferentes países “poidan vincularse ao programa” e exercer como codirectores e codirectoras das investigacións que se leven a cabo ao abeiro dun doutoramento que fixo posible xa a defensa dunha quincena de teses.