Exposición da artista Karin Sander na sala Manuel Moldes

Unha longa serie de exposicións individuais en museos de diferentes países e a súa participación en mostras colectivas en espazos como o MoMa, o Metropolitan e o Guggenheim de Nova York, fan de Karin Sander “unha artista internacional de primeiro nivel”, como sinala o vicedecano de Cultura da Facultade de Belas Artes, Ignacio Pérez-Jofre, coordinador da Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, que desde este mércores acolle un proxecto expositivo desta artista alemá. Trátase de Kitchen Pieces, unha instalación coa que Sander propón unha reflexión sobre a idea da representación na arte. Para iso, emprega un conxunto de froitas e verduras “como se dunha serie de natureza mortas” se tratase, explica, “só que aquí non son representadas en pinturas, senón que se representan como orixinais reais e frescos na exposición”.

Así, na mostra que se inaugura na tarde deste mércores preséntanse un conxunto de 25 froitas e verduras colocadas directamente nas paredes dun xeito lineal. A Sala Manuel Moldes súmase con esta proposta a lista de espazos nos que, desde 2012, puideron verse as diferentes versións desta instalación, que Sander ten levado a “numerosas exposicións, tanto individuais como colectivas” en diferentes formatos, desde a exhibición dunha soa froita a propostas conformadas por máis dun centenar de pezas. “O traballo de Karin Sander caracterízase por unha investigación continua sobre elementos e convencións que interveñen na obra de arte”, destaca Pérez-Jofre, que incide en como “a aproximación ao proceso creativo” desta artista implica con frecuencia “un distanciamento da autoría tradicional” e a que a obra sexa producida “baixo certas condicións establecidas de antemán en relación co contexto”. Nese senso, a montaxe levouse a cabo, coa participación do artista e doutor en Belas Artes Thomas Apostolou, seguindo as indicacións de Sander e empregando nalgúns casos vexetais diferentes aos utilizados noutros países.

Da reflexión sobre a arte á fraxilidade da natureza

Como destaca Pérez-Jofre, a “estratexia de presentación, como substitución da representación” conecta Kitchen Pieces “coa poética do obxecto atopado e co uso de materiais naturais e perecedoiros na arte”, contrapondo a “suposta inmutabilidade da obra de arte” co carácter efémero dos materiais empregados. Non en van, se ben “a cor, textura e disposición rítmica” desta instalación xera “unha forte impresión visual”, os vexetais irán secando e podrecendo, “provocando unha reflexión existencial sobre o paso do tempo e a inevitable decadencia”, como apunta o coordinador da sala. Esta idea está así mesmo presente na montaxe audiovisual que completa a exposición, na que Sander contrapón a proxección dunha gravación de 1930 que amosa unha nena xogando nun xardín cunha pelota con outra tomada en 2019 desa mesma persoa, empregando neste caso unha pelota para realizar exercicios de motricidade.

Por outra banda, o carácter efémero dos materiais outorgan a esta instalación “un significado moi relevante, xa que resalta simultaneamente a beleza da natureza e a súa fraxilidade”, como salienta Pérez Jofre, mentres que Sander sinala a importancia de que a obra “abra posibilidades de interpretación que van máis aló do que se ve”.

Noticia completa: DUVI