Nunca é tarde para formarse
Dentro do marco xeral dos programas de formación das aulas de formación aberta da Universidade de Vigo desenvólvese o Programa para maiores: un proxecto de desenvolvemento científico-cultural dirixido a promover a ciencia e a cultura nas persoas maiores, teñan ou non titulación, ao mesmo tempo que as relacións interxeracionais.
Coa posta en marcha deste programa nos seus tres campus, pretendemos facilitarlles ás persoas adultas o seu desenvolvemento persoal e social, e colaborar con eles, en xusta correspondencia co que eles co seu traballo e esforzo achegaron á nosa institución. Trátase, pois, dunha oferta de estudos para as persoas que, por diferentes razóns, non puideran acceder á universidade no seu momento ou que, sendo xa titulados, se atopen en idade inhabitual para as tarefas académicas.
Que é o Programa universitario de maiores
É un proxecto educativo dirixido á poboación adulta que pretende favorecer a súa incorporación á vida universitaria a través de programas de formación paralelos ás ensinanzas regradas (titulación propia).
Deste modo, ofrecemos aos nosos maiores a posibilidade de incentivar as relacións interxeracionais, así como contribuír ao seu enriquecemento humano e cultural, proporcionando os instrumentos necesarios para garantir a formación ao longo de toda a vida e o seu desenvolvemento persoal e social.
Que pretende ofrecer ás persoas maiores
Mellorar a súa calidade de vida facilitando o acceso a ensinanzas e experiencias propias do ámbito universitario, ofrecerlles un espazo para o intercambio de coñecementos e experiencias de tipo científico e cultural, fomentar a súa participación na sociedade actual, axudarlles no seu proceso de adaptación aos cambios dos nosos tempos, impulsar a súa presenza como dinamizadores do seu propio contexto socio-cultural, posibilitarlles e ofrecerlles unha proposta real para as relacións intra e interxeracionais e facilitarlles os instrumentos necesarios para a aprendizaxe ao longo da vida.
Principios e configuración do programa
O Programa para maiores deséñase de acordo cos principios seguintes:
- Principio de adecuación dos contidos: os contidos das diferentes materias ou disciplinas deben adaptarse ao nivel de formación do alumnado, tratando de axustar o rigor e o valor científico dos contidos á súa capacidade de comprensión.
- Principio de personalización da aprendizaxe: os programas das materias deberán ter en conta as situacións específicas de aprendizaxe das persoas ás que van dirixidos (tempos, ritmos, intereses, motivación etc.).
- Principio de integración académica e sociocultural: a formación académica debe completarse con actividades de carácter sociocultural, integrando ambos os aspectos.
Ciclo intensivo
As materias deste ciclo están encamiñadas á divulgación, á análise e á reflexión sobre aspectos de diferentes temas científico-culturais; o contorno natural, social, cultural e científico; a evolución e achegas da humanidade; e a sociedade e a cultura actual e futura.
Tamén terán como obxectivo, no seu conxunto, iniciar posibles orientacións temáticas con vistas á continuación de estudos no Ciclo Integrado. As actividades complementarias, están orientadas a afondar nalgúns temas concretos das ensinanzas; a proporcionar formación práctica sobre aspectos concretos a través de obradoiros; a facilitar as relacións interpersoais, interxeracionais e interculturais; e a promover o acceso a actividades culturais e recreativas.
Ciclo integrado
Este ciclo permite cursar aquelas materias ou disciplinas pertencentes ás diferentes titulacións oficiais da Universidade de Vigo nas que se oferten prazas específicas para o Programa Universitario de Maiores.
Estes estudos levaranse a cabo xunto co estudantado matriculado nas correspondentes titulacións oficiais de grao da Universidade de Vigo, nas mesmas aulas e horarios, e en igualdade de circunstancias agás a obrigatoriedade de participar nos procesos de avaliación establecidos para o estudantado dos estudos oficiais de grao.