Tras a sinatura dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Fundación WordPress, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación converteuse en 2018 na sede da única WordCamp de Galicia, un evento centrado no xestor de contidos de software libre máis utilizado no mundo para a creación de páxinas web, WordPress. Despois de que a covid-19 obrigase a desenvolver as súas edicións de 2020 e 2021 de xeito virtual, a WordCamp Pontevedra retorna á facultade do campus pontevedrés, onde prevé reunir preto de 300 persoas entre o 23 e 25 de setembro. Preto dunha trintena de conferencias e talleres sobre diferentes temáticas relacionadas co desenvolvemento web forman parte do programa dun encontro que incorpora como novidade a organización dun hackaton, no que as e os participantes formaranse en desenvolvemento web á vez que traballan na creación das páxinas de dúas organizacións sen ánimo de lucro.
Promovida por voluntarios da comunidade local de WordPress Pontevedra, coa colaboración da Universidade de Vigo e a Fundación WordPress, o programa desta WordCamp foi presentado este mércores na Casa das Campás por Wajari Velásquez, responsable do comité organizador, Emma Torres, decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e Luis Torres, representante da Vicerreitoría do campus. A “visibilidade” que un evento destas características achega “á comunidade universitaria e á cidade de Pontevedra” foi unha das cuestións destacada por Luis Torres nunha presentación que a decana de CCSS e da Comunicación abriu “cunha mensaxe de agradecemento” á organización, “persoas voluntarias que consideran necesario facer un labor de difusión da cultura dixital, que é algo fundamental na sociedade actual”. Emma Torres agradeceu tamén que o centro do campus pontevedrés fose o escollido “para celebrar un evento desta importancia, que se sitúa no que estamos traballando na facultade, que é na formación de creadores de contidos”.