Un total de 46 persoas de diferentes idades e tanto pertencentes á comunidade universitaria como alleas á institución académica protagonizan o sexto ano de andaina da Aula Permanente de Música Tradicional Galega do campus. Con todas as súas prazas cubertas, en gran medida por alumnos e alumnas que repiten participación, esta actividade formativa promovida pola Vicerreitoría do campus iniciou xa un novo curso, no que buscarán profundar no seu manexo de diferentes instrumentos tradicionais, á vez que consolidar e ampliar repertorio de cara a futuras actuacións. “No primeiro cuadrimestre imos preparar diferentes cousas que temos en mente coas que ir revisando e actualizando un pouco o repertorio, para que, partindo dunha base estable que xa está aí, eles tamén se divirtan aprendendo temas novos”, salienta o músico Suso Vaamonde, responsable dunha actividade formativa que, tras as limitacións ás que obrigou a pandemia, puido “consolidarse o ano pasado”, no que as e os integrantes da aula protagonizaron unha serie de actuacións en diferentes espazos.
De feito, ademais de participar en graduacións e diferentes actos institucionais da UVigo, a aula permanente pechou o pasado curso cun ciclo de concertos en diferentes prazas de Pontevedra, promovidos coa colaboración da Concellería de Promoción Económica e Universidades. De cara ao curso que iniciaron esta semana, Vaamonde destaca en primeiro termo a continuidade das e os participantes nunha actividade, “na que repiten practicamente todos os que estiveron o curso pasado e á que incorporamos tamén algunha xente nova”. Nese senso, a experiencia acumulada polas e polos participantes nesta actividade, dos que unha parte permanecen desde a súa primeira edición, fai posible “que agora o traballo de aprendizaxe sexa menor e poidamos dedicar máis tempo á posta e punto e ensaio”, sinala.