O rendemento físico dos futbolistas da liga española diminúe un 2% por cada ano que cumpren

Por cada ano que cumpren, a distancia que os xogadores da primeira división do fútbol español percorren sobre o campo a máis de 21 quilómetros por hora diminúe un 1,8%.Esta é unha das principais conclusións do estudo que os investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ezequiel Rey, Miguel Lorenzo e Carlos Lago realizaron do rendemento tanto físico como técnico-táctico de 154 xogadores da liga española ao longo de oito tempadas e que constitúe a primeira investigación de carácter lonxitudinal sobre os efectos da idade no fútbol de elite, no que se compara o comportamento dun mesmo xogador en diferentes tempadas. Grazas ao convenio de colaboración que a Universidade de Vigo asinou o pasado ano coa Liga de Fútbol Profesional, os investigadores puideron analizar os datos capturados durante oito anos polo sistema de tracking de LaLiga, o que lles permitiu constatar tamén que o número de accións que os xogadores realizan durante un partido “a alta intensidade”, a unha velocidade superior aos 21 quilómetros por hora, diminúe un 1,42% cada ano que pasa. Pola contra, á vez que empeora o seu rendemento físico segundo van cumprindo anos, melloran as súas prestacións técnico-tácticas, xa que a porcentaxe de pases que realizan con éxito aumenta un 0,25% cada tempada.

Os resultados desta investigación recóllense nun artigo publicado no Journal of Science and Medicine in Sport, unha das principais revistas científicas da área das ciencias do deporte, como explica Rey, que os docentes do campus pontevedrés asinan xunto con Roberto López e Ricardo Lesta, da área de investigación de LaLiga. “Este artigo ten algo moi novidoso, que non se fixera ata agora”, salienta o catedrático Carlos Lago, xa que a evolución do rendemento físico e técnico dos futbolistas fora estudada previamente comparando xogadores de diferentes franxas de idade. Mais neste caso, engade, trátase “dunha comparación do mesmo xogador consigo mesmo ao longo da súa carreira”. De feito, como engade Rey, fóra de disciplinas nas que se compite de xeito individual, “non había ningún estudo lonxitudinal que avaliase o rendemento, xa non digo só no fútbol, senón tampouco noutros deportes colectivos como o balonmán, o baloncesto ou o rugby”.

Ler a noticia completa no DUVI