Dende o nivel de iniciación ata o avanzado, pasando pola lingua administrativa ou a corrección de erros, o catálogo de cursos de galego que organiza a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo trata de dar resposta ás necesidades de toda a comunidade universitaria. Para este primeiro cuadrimestre son un total de seis cursos con diferentes temáticas abertos tanto ao persoal docente e investigador, como ao persoal de administración e servizos e o estudantado. A oferta inclúe un curso de iniciación á lingua galega para o alumnado estranxeiro, outro de nivel avanzado para perfeccionar o dominio da lingua, outro para mellorar a calidade lingüística nos TFG ou TFM, un sobre corrección da escrita coas TIC, outro de linguaxe administrativa e xurídica e un sexto que xirará arredor dos erros máis frecuentes na lingua galega. O prazo de matrícula para todos eles remata o 23 de setembro.
Curso de iniciación á lingua galega
O curso de iniciación á lingua galega, de 40 horas de duración, está destinado aos estudantes de programa de intercambio que desexen mergullarse nunha introdución histórica, antropolóxica, lingüística e cultural do universo galego. A docencia desenvolverase, en modalidade virtual síncrona, entre o 4 de outubro ao 24 de novembro, cunha proba final en liña o 29 de novembro. Entre outros contidos coñecerán xeitos de saudar e presentarse, conceptos e expresións sobre hábitos e oficios, costumes culinarios, etc. así como nocións sobre léxico, tempos verbais, gramática…