A formación, único tratamento preventivo fronte ás noticias falsas

Convertida nun problema global, a difusión de noticias falsas a través das redes sociais ou das plataformas de mensaxería pode combaterse desde diferentes ámbitos, mais só a formación da cidadanía e a súa alfabetización dixital permiten facerlle fronte antes da súa propagación. Con esta idea como punto de partida, o grupo de innovación docente Dixitais, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, coordina o II Seminario de Alfabetización contra a Desinformación, un curso inserido nas actividades de formación do profesorado da Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP) da Universidade. A través das conferencias virtuais de tres especialistas neste ámbito e doutra serie de materiais, esta actividade busca contribuír á comprensión do fenómeno da desinformación, os seus efectos na sociedade e os seus mecanismos de propagación, así como os principais recursos para facerlle fronte.

“Entendemos que unha das principais maneiras de combater a desinformación é formando á xente para que, cando reciba uns contidos que indiscutiblemente vanlle chegar, teña máis ferramentas para defenderse deles”, salienta o profesor Alberto Dafonte, coordinador deste seminario xunto cos docentes Mabel Míguez e Javier Abuín. Con matrícula gratuíta e aberta a un máximo de cen persoas, trátase dunha actividade destinada a profesorado, aínda que se quedan prazas vacantes, poderán participar tamén “outros perfís da UVigo”. O período de inscrición permanece aberto ata este venres 23 de abril na plataforma Bubela.

Ler a noticia completa no DUVI