O Atlantic Workshop on Energy and Environmental Economics acadará a súa 9ª edición coa participación de medio cento de especialistas internacionais

Logo de ser cancelado por mor da pandemia no ano 2020, a 9ª edición do Atlantic Workshop on Energy and Environmental Economics (AWEEE) celebrarase os días 23 e 24 de xuño no seu habitual emprazamento da illa da Toxa, onde se dará cita unha cincuentena de expertos internacionais, fundamentalmente procedentes de países da Unión Europea e tamén de Estados Unidos. “Presentámonos cun programa e obxectivos moi similares aos previstos en 2020: coñecer e discutir a investigación económica na fronteira nestes ámbitos”, explica o catedrático do Departamento de Economía Aplicada da UVigo e membro do comité organizador do workshop, Xavier Labandeira, que destaca, respecto de anteriores edicións, unha maior presenza de investigadores novos, fundamentalmente europeos e americanos. “Cremos que isto é algo moi positivo, porque reforza o noso obxectivo: difundir e debater sobre as técnicas e resultados da investigación neste campo de tanto interese socio-económico”, sinala o catedrático vigués, que tamén pon de relevo a celebración nesta 9º edición dunha mesa redonda sobre o desenvolvemento das futuras políticas climáticas, coa participación de decisores políticos europeos e de EEUU.

Aínda que a maior parte das e dos poñentes e asistentes proceden destas dúas zonas xeográficas, nas sesións da próxima semana tamén tomarán parte expertos chegados de India e de China. “Desafortunadamente non puidemos admitir a todos os interesados xa que, nin o espazo, nin os obxectivos do workshop, o fan posible”, explica Labandeira en relación coas e cos asistentes ao simposio organizado por Economics for Energy ,coa colaboración de CEPE (ETH Zurich) e CURE (Ruhr- Universität Bochum) e o apoio de Ecobas e Rede da Universidade de Vigo.

Ler a noticia completa no DUVI