Cunha vintena de conferencias, obradoiros, presentacións, concertos e outra serie de actividades o campus de Pontevedra celebra a que é a semana de referencia do seu proxecto de especialización, Campus CREA, nacida co propósito de poñer en valor a creatividade e a innovación en todos os campos nos que hai potencial investigador e docente.

Trátase dunha semana de actividades, coa colaboración das diferentes facultades e escolas, e na que conviven actividades transversais con outras máis específicas de cada centro, pero abertas á cidadanía, coa excepción daqueles obradoiros nos que será precisa unha inscrición previa.