Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar os dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes. Con Novoa e Rocamora, investigadoras da Universitat Politécnica de Valencia, como comisarias, esta exposición ten como punto de partida, explican, “obras de acción que cada artista realizou de maneira individual e cuxo rexistro se traballa desde diferentes formatos e medios, como a fotografía, o vídeo e a instalación”, dando lugar a novas pezas, nun “xogo de ecos”.
Inaugurada na tarde deste xoves, esta exposición insírese nas actividades do III Congreso Internacional de Creatividade, un evento promovido polo Campus Crea co apoio da Deputación de Pontevedra, que na tarde deste venres celebra a súa clausura na sede da Vicerreitoría do campus. Dentro desta programación, a egresada da Facultade de Belas Artes Cora Novoa e a investigadora da Politécnica de Valencia Elena Rocamora deron forma a un proxecto expositivo que explora como se interrelacionan entre si un conxunto de pezas que “parten do performativo, dialogando tanto co espazo como coas outras obras”, sinala Novoa.
“Traballamos con imaxes estáticas, vídeos, diagramas, imaxes feitas obxecto...”, engade a artista e comisaria dun proxecto que parte da documentación de accións en vídeo ou fotografías. Nese senso, o punto de partida da mostra son obras individuais, mais estas “materialízanse de diferentes maneiras e repénsanse a través de diferentes formatos”, engade Rocamora, dando lugar a unha serie de “pezas eco” que dialogan tanto coas obras das dúas comisarias como coas dos artistas convidados.
Ler a noticia completa no DUVI