Baixo o lema de Os medios galegos do futuro comezan nas aulas, a Asociación de Medios en Galego (Amega) promoveu unha serie de encontros nas tres universidades públicas galegas que nesta xornada permitiron pór de relevo na Facultade de Comunicación o papel que debe ocupar o idioma galego nos medios do futuro. Promovida co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e a colaboración da facultade, este evento buscaba reflexionar sobre os retos que viven os medios nunha época de “transformación profunda marcada pola intelixencia artificial, os novos hábitos de consumo, as redes sociais, a desinformación, a alfabetización mediática, os cambios nos modelos de negocio e a aparición de novos formatos”, sinalan desde a organización.
Con ese propósito, o encontro abrangueu unha serie de relatorios de investigadores, investigadoras e profesionais, centrados en cuestións como a proximidade, a especialización ou as novas narrativas e audiencias. Conducida por Tamara Novoa, directora do dixital A Movida, a xornada foi inaugurada pola decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, e o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García. Ambos reivindicaron nas súas intervencións o papel que debe xogar o idioma no futuro dos medios. Neste punto, Torres lembrou ao alumnado que cada ano saen das universidades españolas máis de 3000 novos titulados e tituladas no ámbito da comunicación e, neste contexto, “a lingua e a identidade” poden converterse nunha “vantaxe diferencial”. A decana resaltou neste punto o compromiso co idioma dunha facultade na que se forman “os futuros e futuras profesionais da comunicación e creadores de contido”. Nesa mesma liña García lembrou aos e ás asistentes “a importancia de utilizar o galego no voso labor profesional”, incidindo en que “nun mundo no que as tecnoloxías e o fluxo de información” fan que a comunicación viva un período de “continuo cambio”, existen “cousas que van permanecer, e a nosa lingua é unha delas”.
Ler a noticia completa no DUVI
Na noite do venres 20 de novembro, o Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá a vixésima edición de Debut, o desfile no que os novos titulados e tituladas do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda presentan as coleccións que desenvolveron como proxectos de fin de estudos. Co obxectivo de levar os seus deseños á pasarela, esta titulación da Facultade de Deseño abre o prazo de inscrición para colaborar como voluntarios e voluntarias neste evento, exercendo de modelos por un día. As persoas interesadas en participar poden acudir ata o 31 de outubro ao despacho de Esdemga na Facultade de Belas Artes, os luns en horario de 11.00 h a 13.30 h e de 16.30 h a 18.30 h e os mércores e venres de 11.30 h a 13.30 h e de 18.30 h a 20.30 h.
Alí, recolleranse os seus datos persoais, faráselles unha foto e tomaránselle medidas, de cara a definir a posterior selección de modelos, que virá definida polas necesidades das diferentes coleccións. “Inicialmente, buscamos arredor de 60 ou 70 persoas”, explica a coordinadora do mestrado, Lola Dopico, que incide en que se trata dunha proposta aberta “a calquera persoa que lle apeteza coñecer a experiencia” de vivir desde dentro un desfile de moda. De feito, a escolla de modelos vén determinada polos requirimentos dos diferentes proxectos, tendo en conta ademais que as prendas “son prototipos”, resultado dun traballo académico, “polo que non hai unha tallaxe extensa”.
A isto súmase o feito de que cada ano varía o número de coleccións masculinas e femininas que se levan á pasarela nun evento no que ademais dos traballos de fin de máster, preséntanse tamén proxectos realizados polo alumnado de primeiro curso do mestrado. Neste punto, Dopico sinala que, ademais de na propia xornada do desfile, precísase tamén que as persoas que queiran colaborar neste evento teñan dispoñibilidade para participar no “ensaio xeral” que se levará a cabo o sábado 14 de outubro no Pazo da Cultura, “no que se proban as prendas e se asignan os estilismos para cada modelo”.
Ler a noticia completa no DUVI
Discutir academicamente acerca do cómic contemporáneo desde as novas concepcións e usos do soporte e do formato tradicionalmente asociados á banda deseñada é o obxectivo central do XI Foro Internacional de Creación na Fronteira, que entre o luns 19 e o mércores 21 reunirá un conxunto de especialistas de diferentes áreas na sede da Vicerreitoría do campus. Promovidas polo grupo de investigación dx5 da Facultade de Belas Artes, estas xornadas buscan reflectir “as distintas maneiras nas que o cómic se relaciona con outros medios e disciplinas”, como o cinema, os videoxogos, a arquitectura ou a pintura, dando lugar a “produtos transmedia”, sinalan desde a organización.
Baixo o título de Diving the gutter: Cómic de campo expandido, intermedialidade e transmedialidade, trátase dunhas xornadas abertas ao público, que poderán seguirse tanto de xeito presencial como virtual. A través dun conxunto de conferencias, impartidas por especialistas de ámbitos como os videoxogos, o cine ou a literatura, o grupo busca promover unha reflexión sobre a evolución que está a vivir este medio e as súas “interaccións con outras disciplinas artísticas”, como sinala o profesor Miguel Cuba, director deste foro. O seu obxectivo é afondar nesa idea do cómic de campo expandido desde unha “perspectiva ampla”, de tal xeito que haxa espazo tanto para obras que parten da alteración dos formatos como para aquelas que fusionan a banda deseñada con outras disciplinas. Deste xeito, preténdese tanto abordar sobre as “conexións” do cómic co mundo do cinema ou dos videoxogos, como pór o foco “en interaccións máis complexas, nas que as linguaxes se mesturan e o cómic abandona eses parámetros tradicionalmente” asociados á banda deseñada.
Nese senso, Cuba recoñece a idea do cómic de campo expandido como algo “relativamente recente no contexto da historia do cómic”, que está permitindo “expandir a súa linguaxe e romper determinadas barreiras e estereotipos”, dando lugar a proxectos moi distintos que, non obstante, “conservan unha esencia que fainos seguir chamándoos cómic”. Neste punto, os promotores das xornadas poñen de relevo que a experimentación tanto co formato da banda deseñada como cos seus soportes, máis aló da obra impresa, constitúen “un dos aspectos máis renovadores do medio”.
Ler a noticia completa no DUVI
O concepto de zona húmida como un espazo de transición, onde se depositan e mesturan materiais diversos, constitúe o punto de partida do taller que levou dez estudantes das facultades de Comunicación, Belas Artes e Deseño a visitar a xunqueira de Alba xunto coa cineasta madrileña Candela Sotos. Fixérono na primeira sesión do taller Filmes como marismas, promovido polo Campus Crea e Novos Cinemas e no que as alumnas e alumnos seleccionados traballan nas curtametraxes que presentarán neste festival. Fano coa titorización de Sotos, que proponlles “pensar nesa lóxica dunha marisma, na que non hai xerarquía na materialidade”, como punto de partida de traballos centrados na memoria e na combinación de materiais heteroxéneos.
Os resultados finais deste taller estrearanse en decembro, na xornada de apertura da décimo primeira edición de Novos Cinemas, pondo peche a “tres meses de traballo intensos”, recoñece Sotos, que abriu este obradoiro achegándolles unha serie de referencias cinematográficas que puidesen axudarlles neste proceso. Esta primeira xornada de traballo completouse cun encontro coa vicerreitora do campus de Pontevedra, Marián Fernández, e cun percorrido por Alba, que permitiu tamén debater as primeiras ideas a desenvolver no marco deste obradoiro.
Ler a noticia completa no DUVI
- A Sala O Abrigo reúne un conxunto de obras xurdidas como “ecos” doutras obras
- Campus Crea reivindica o papel da creatividade para atopar respostas en “tempos de transformacións profundas”
- Seres fantásticos poboan a Sala Manuel Moldes na primeira exposición do curso
- Dous días de experimentación sobre o 3D no téxtil, da man dunha deseñadora que traballou no vestiario de ‘Xogo de Tronos’