Ata o vindeiro mércores 5 de abril permanece aberto, segundo o calendario fixado pola Xunta de Galicia, o período de preinscrición na Escola Infantil do campus de Pontevedra, que contará o vindeiro curso con 28 prazas para alumnado de novo ingreso, das que se reserva unha porcentaxe para os fillos e fillas do persoal e alumnado da Universidade de Vigo. No próximo curso, o centro contará con catro aulas e un total de 58 prazas, de tal xeito que, no caso de formalizarse a renovación de todo o alumnado actual, contará con 7 vacantes no grupo de 0-1 anos, outras 6 no de 1-2 e 15 nas aulas de 2-3.
Como explica a directora da escola, Ángeles Rodríguez, as inscricións "poden realizarse tanto de xeito virtual, a través da sede electrónica da Xunta, segundo o modelo BS404A, como de xeito presencial na escola”. De feito, no caso das e os integrantes da comunidade universitaria, destaca, “é preferible” que realicen esta inscrición de no propio centro, xa que a súa solicitude adscribiríase “á cota reservada á Universidade”. No caso de que algunha destas prazas quedase baleira, adxudicaríase “no baremo extraordinario de setembro”, engade. Por outra banda, no caso dos nenos e nenas nacidos unha vez rematado o prazo de preinscrición, será posible presentar estas solicitudes despois do 5 de abril e antes da publicación das listas definitivas de admitidos e excluídos.