Logotipo Universidade de Vigo

Seleccione su idioma

A promoción da arte téxtil contemporánea é o obxectivo central do encontro ibérico Peninsulares, que neste 2025 desenvólvese por primeira vez a Galicia, co apoio, entre outros, da Universidade de Vigo, o Concello e a Deputación de Pontevedra. Coordinado polas entidades Indigo Proyectos e Ideias Emergentes, responsable da bienal de arte téxtil Contextile de Guimarães, Pontevedra e esta localidade portuguesa son as dúas sedes da quinta edición deste encontro, no que se insiren as dúas exposicións que ata o 15 de novembro poderán verse no Pazo da Cultura e na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes. O primeiro acolle na tarde deste mércores a inauguración de Modos de ver, unha mostra colectiva de dez artistas dos dous países, mentres que na sala de exposicións do campus poderá visitarse Peninsular (es) Joven, que reúne as creacións de catro artistas formadas nas universidades de Vigo e Minho.

Goa Vázquez e Lucía Perdiz, egresadas da Facultade de Belas Artes da UVigo, e Ester Matos e Ana Leandro, formadas na Escola de Arquitectura, Arte e Deseño da institución portuguesa, protagonizan unha exposición comisariada por Monica Faria e Lala de Dios. “A educación sempre foi un elemento fundamental no proxecto Peninsulares”, destacan as promotoras dun encontro que se desenvolve nos anos nos que non ten lugar a bienal de Guimarães, conectando en cada edición diferentes municipios e entidades de España e Portugal. Nesta ocasión, o feito que contar como “socios estratéxicos” coas facultades de Belas Artes e Deseño da UVigo e coa Universidade de Minho motivou que a mostra central do evento se vexa complementada en Pontevedra por unha “exposición satélite”, que conecta, a través da arte téxtil, as obras de “catro artistas novas vinculadas a estas institucións educativas”.

Ler a nova completa no DUVI