Conectar o alumnado da Facultade de Comunicación coa realidade do sector audiovisual é o obxectivo co que naceu a Máster Class Audiovisual Galego Augal, que entre este mes de novembro e marzo de 2024 achegará a este centro do campus pontevedrés directores como Ángel de la Cruz, Lucía Estévez e Quique Otero, produtoras como Beli Martínez e Silvia Fuentes e outra serie de profesionais da industria audiovisual. Patrocinada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Xunta de Galicia, a programación da décimo cuarta edición desta máster class abrangue a proxección de longametraxes como Honey Moon, La Parra ou o documental Filmei paxaros voando, sesións dedicadas a curtametraxes e series de televisión e actividades formativas. “Buscamos que o programa fose o máis variado posible”, salientou o profesor da Facultade de Comunicación e codirector de Augal Paulino Pérez, na presentación dunha edición que reúne “unha moi boa selección do mellor do audiovisual galego”, como engadiu o director da Agadic, Jacobo Sutil.
A decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, e o director da Área Adxunta á Vicerreitoría do campus de Pontevedra, Luis Torres, presentaron este martes, xunto a Pérez e Sutil, esta XIV Máster Class Audiovisual Galego, á que asistiron o codirector de Augal Miguel Anxo Fernández e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera. Aberta ao público, esta actividade comprende 27 horas de “formación complementaria de moi alta calidade”, que achega o alumnado “un reflexo do que é o sector audiovisual galego”, salientou Sutil. Non en van, trátase “dun programa transversal en canto a formatos e en canto a xéneros”, que achega os futuras e futuros profesionais “unha oportunidade única para que coñezan o funcionamento do sector”, engadiu o director da Agadic, mentres que Pérez destacou a presenza de profesionais formadas na propia facultade nunha actividade que busca tamén contribuír “á que a xente vexa cinema galego”.