Preto dun centenar de investigadoras e investigadores de 17 universidades participan desde este luns, tanto de xeito presencial como virtual, no I Congreso Internacional de Creatividade, promovido polo Campus Crea no marco dos traballos para acadar a súa acreditación como campus de especialización. Promovido co patrocinio da Deputación de Pontevedra, no marco deste evento presentaranse 55 comunicacións que, desde unha perspectiva transdisciplinar, conectan a creatividade coa arte, o deseño, a comunicación e a educación, as catro áreas do Campus Crea. Complementado por unha serie de conferencias de académicos e profesionais, o congreso busca afondar “no poder transformador que ten a creatividade”, como sinalou Juan Manuel Corbacho, cordirector deste foro xunto ao tamén profesor da Facultade de Comunicación Jesús Pérez Seoane.
“Este primeiro congreso é un pulo para o proxecto de especialización dun campus con titulacións moi singulares”, sinalou a vicerreitora Eva María Lantarón, na inauguración deste foro, que se viu precedida por un minuto de silencio en memoria das vítimas da DINA no Levante. Lantarón recalcou tamén que o evento que este luns e martes se desenvolve tanto na Vicerreitoría do campus de Pontevedra como nas facultades de Deseño e Comunicación nace con vocación de continuidade, tras sinalar o “éxito” que supón contar nesta primeira edición “con máis de cen inscritos e inscritas e máis de 50 comunicacións”, presentadas por investigadores de 17 universidades de España e Portugal.