Logotipo Universidade de Vigo

Seleccione su idioma

A noción de corporalidade e a idea de diáspora son os dous fíos condutores da exposición que deste este xoves reúne na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes as creacións de 17 artistas, a meirande parte formados na Facultade de Belas Artes. Coa tamén egresada deste centro Cora Novoa como comisaria, esta mostra conecta, sinala, un conxunto de “prácticas diversas que chegan a través de imaxes, obxectos, textos, rexistros, pantallas, xestos e procesos” e que comparten “unha atención común ao corpo como lugar de experiencia, arquivo vivo e medio de relación”. Baixo o título de Cando falo de corpo, a exposición promovida co apoio da Deputación de Pontevedra propón tamén un achegamento ao traballo dun conxunto de artistas naturais ou formados en Galicia.

O vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez; o director da Área Adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres, e o vicedecano de Belas Artes e coordinador da sala, Ignacio Pérez-Jofre, participan na tarde deste xoves na inauguración dunha exposición que poderá visitarse ata o 24 de abril. Como destaca Pérez-Jofre, trátase dun proxecto que responde “a unha das liñas de traballo da sala, que é a de contar con comisarias e artistas novas e novos, vinculados á facultade”. De feito, tanto Novoa como boa parte das e dos artistas de diferentes xeracións participantes formáronse neste centro e contan na actualidade “cunha traxectoria moi interesante, recoñecida con premios, residencias ou bolsas”, subliña Pérez-Jofre. Ao mesmo tempo, o coordinador da sala de exposicións do campus subliña o interese dun proxecto que afonda tamén “na idea do desprazamento, xa que moitos destes artistas, por diferentes circunstancias, atópanse fóra de Galicia”.

Ler a nova completa no DUVI