Máis aló do desfile no que se presentarán as 14 coleccións desenvolvidas como traballos finais no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, a programación de Debut está conformada por un conxunto de iniciativas “centradas na formación complementaria do alumnado e en facer visible o traballo do estudantado”, como sinala Lola Dopico, coordinadora deste mestrado da Facultade de Deseño. Con ese obxectivo, este luns daba inicio unha semana de actividades centradas no mundo da moda, na que se insiren unha decena de talleres e seminarios nos que participan máis de 120 alumnos e alumnas de grao e posgrao desta facultade. A estes sumaranse nos próximos días as conferencias da deseñadora de vestiario Binda Daileger e do xestor de proxectos de Loewe Enrique de Santiago, unhas xornadas profesionais para os novos titulados e tituladas e a exposición no Pazo da Cultura das coleccións que previamente protagonizarán o desfile que terá lugar na noite do venres 22.
Unha das novidades de Debut 2024, que conmemora os 20 anos de traxectoria dos estudos de moda na Universidade de Vigo, é a participación do alumnado dos dous cursos xa implantados do Grao en Deseño na preparación de elementos para a escenografía do desfile. Isto motiva que este programa formativo botase a andar xa en outubro co Obradoiro de Acción Gráfica, impartido polo artista plástico Eduardo Outeiro. “A idea é que Debut sexa unha semana para desenvolver todo este tipo de actividades e facelas extensivas a estudantes de todos os cursos”, subliña Dopico, que sinala que o obxectivo é que, coa posta en marcha de novos cursos, Debut se consolide “como unha cita importante dentro do calendario da facultade e, co tempo, poidamos ver medrar moitas cousas arredor desta cita”.