“Que o traballo que se fai dentro da aula teña algún tipo de repercusión positiva na sociedade”. Este é, como sinala o profesor da Facultade de Comunicación Alberto Dafonte, o propósito central da metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS), na que se sustenta o proxecto Dixitais. Laboratorio cidadán para competencia dixital e mediática. Esta iniciativa leva ao alumnado deste centro a crear unha serie de vídeos dirixidos a mostrar á cidadanía “que é a desinformación, por que funciona e cales son as estratexias e ferramentas para combatela”, sinala este docente. Preto de 35 estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual participan no presente curso, baixo a coordinación de Dafonte, na sexta edición dunha iniciativa seleccionada na convocatoria de Aps no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da Universidade de Vigo e na que o alumnado conta novamente co asesoramento da ONG Ecos do Sur.
De entender a problemática a como combatela
No marco da súa formación na materia Propaganda en medios audiovisuais, as e os estudantes deben desenvolver, divididos en sete grupos, dez vídeos de curta duración, pensados para a súa difusión en redes sociais e que, ao longo deste cuadrimestre, deben ir publicando semanalmente nos perfís que crearon para este proxecto. Como apunta Dafonte, investigador do grupo Sepcom e responsable do grupo de innovación docente Dixitais, o primeiro destes vídeos debía centrarse “en explicar que é a desinformación e por que é algo perigoso ou importante”, mentres que as restantes pezas poden incidir en diferentes aspectos das liñas temáticas propostas. Estas abranguen, en primeiro termo, “falar de que existen distintos tipos de desinformación” e que esta non se limita á difusión de noticias falsas, senón que comprende tamén outras modalidades, como informacións que se presentan dun xeito “impreciso ou enganoso” cunha determinada intencionalidade, intentos de suplantar a identidade de persoas e institucións ou a manipulación de vídeos ou fotografías. Ademais, os seus vídeos deberán “falar tamén de por que funciona a desinformación e de estratexias e ferramentas para combatela”.