Poucos meses despois de lograr o premio en Debut 2025, a egresada do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda Mericusan presentou unha versión ampliada do seu traballo de fin de mestrado na Mercedes-Benz Fashion Week Madrid. O seu proxecto Ángel de Cristal foi unha das dez coleccións seleccionadas para o Ego, a plataforma para talentos emerxentes desta pasarela, que este domingo protagonizou a xornada de peche da 83 edición da Fashion Week Madrid.
Nela, Mericusan levou á pasarela unha versión ampliada do proxecto co que novembro lograba o Premio ao Deseño e á Creatividade, outorgado pola Fundación Bimba y Lola, en Debut 2025. Cunha estética inspirada no manga e no anime xaponés, a deseñadora presentou na pasarela do Ifema un proxecto que “explora a feminidade como un espazo de fantasía, anhelo e contradición a través do imaxinario do shojo, as magical girls e a subcultura lolita”, como recolle o seu texto presentación. En Ángel de Cristal, Mericusan constrúe un relato arredor do “desexo de converterse en protagonista dunha fantasía propia”, a partir do concepto de The Dreamed Dress, “un vestido branco que representa un ideal inalcanzable de pureza, beleza e perfección". Partindo desta idea, presentou un conxunto de estilismos “que combinan volantes, enaguas e siluetas románticas cunha paleta cromática en branco e negro e tecido intervidos, cristalizados e encapsulados”, cos que buscaba materializar “a tensión entre inocencia e baleiro”. Concibida como “un intento sempre incompleto de encarnar esa fantasía hiperfeminina”, a colección que exhibía este domingo “habita ese espazo ambiguo entre o etéreo e o escuro, onde o vestido é promesa, refuxio e desencanto”, recolle o seu texto de presentación.
Ler a noticia completa no DUVI