Logotipo Universidade de Vigo

Seleccione su idioma

Deterse na produción artística en Galicia na década de 1980 e “contar a historia desde outra perspectiva, desde unha perspectiva feminista, que teña en conta as circunstancias políticas sociais dun contexto concreto”. Este é o propósito inicial, como sinala a profesora da Universidade de Vigo Susana Cendán, de Outras historias posibles, a exposición inaugurada este martes no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura e na que reúne as obras de seis artistas que “comezaron a despuntar” naquela década co obxectivo de “contar outra historia” da arte en Galicia “que complemente ás xa existentes”. Con esta docente das facultades de Belas Artes e Deseño como comisaria, a mostra percorre as traxectorias de seis mulleres con “propostas esteticamente dispares”, nacidas na década de 1950 e que non contaran “cunha exposición monográfica en condicións que lexitime a súa traxectoria”, subliña. Trátase da tamén profesora de Belas Artes Anne Heyvaert, das pintoras Ana García Pan, Blanca Silva, Tusi Sandoval e Laura Terré e da ceramista Emilia Guimeráns.

“Máis aló de ofrecer un listado de mulleres artistas baseado na recuperación de nomes, a exposición preséntase como unha guía que complemente o xa coñecido, nun enmallado social, político e artístico non sempre favorable”, engade Cendán das motivacións dunha exposición inaugurada este mediodía polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. “A historia que nos apece contar neste proxecto pasa por mostrar realidades que permaneceron ocultas, por propoñer significados descoñecidos sobre artistas reais e extraordinarias”, subliña a comisaria no texto de presentación desta mostra. Co obxectivo de proporcionar “unha visión integral” das súas traxectorias, Cendán buscou reunir un abano de obras o “suficientemente amplo e representativo” das seis protagonistas, nunha exposición que reúne en conxunto, máis dun cento de pintura, esculturas, xilografías e debuxos. Ao mesmo tempo, o seu propósito era tamén deterse en “aspectos que abarcan o cotián, o privado, o que comunmente se soe silenciar”. De feito, a exposición que poderá visitarse ata xaneiro de 2025 é resultado dun traballo de investigación, que se verá reflectido tamén na publicación dun catálogo, deseñado pola profesora de Deseño Patricia Dopico, con textos biográficos das seis artistas.

Ler a nova completa no DUVI