Logotipo Universidade de Vigo

Seleccione su idioma

Profesor da Facultade de Belas Artes da Universidade do País Vasco (UPV/EHU), Adolfo Ramírez Escudero iniciou a mediados da década de 1990 unha colección de obras de estudantes ou docentes deste centro que, a día de hoxe, reúne máis de 80 pezas, entre as que se atopan traballos iniciais, como explica, de “artistas que teñen xa un certo recoñecemento”. Non obstante, esta colección non dera lugar ata agora a unha mostra colectiva como a que desde este xoves pode visitarse na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, na que se presentan as creacións, principalmente pictóricas, de preto de 60 artistas, ligados todos eles á facultade da UPV/EHU.

Ata o 7 de abril poderá visitarse nesta sala unha exposición que recibe o título de Aire Galería, o espazo expositivo que Ramírez Escudero impulsou en 2018 en Bilbao, co obxectivo de dar visibilidade ás creacións do alumnado e profesorado desta facultade, a través dun conxunto de exposicións temporais. Non obstante, aínda que a exposición inaugurada este xoves na Facultade de Belas Artes pontevedresa presenta tamén traballos de artistas que pasaron por esta galería, permite á súa vez observar boa parte da colección que este docente iniciou hai máis de 20 anos “con criterios máis empáticos ou afectivos que estritamente académicos”, recoñeceu. Xunto a algunhas pezas escultóricas, dous vídeos e traballos de fotografía, a mostra reúne un conxunto de obras pictóricas de pequeno ou mediano formato que, en varios dos casos, eran “as primeiras obras que vendían” os seus creadores e creadoras e que no conforman no seu conxunto unha colección “cun ton un pouco alegre e lúdico”. 

Ler a nova completa no DUVI