Logotipo Universidade de Vigo

Seleccione su idioma

Unha longa serie de exposicións individuais en museos de diferentes países e a súa participación en mostras colectivas en espazos como o MoMa, o Metropolitan e o Guggenheim de Nova York, fan de Karin Sander “unha artista internacional de primeiro nivel”, como sinala o vicedecano de Cultura da Facultade de Belas Artes, Ignacio Pérez-Jofre, coordinador da Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, que desde este mércores acolle un proxecto expositivo desta artista alemá. Trátase de Kitchen Pieces, unha instalación coa que Sander propón unha reflexión sobre a idea da representación na arte. Para iso, emprega un conxunto de froitas e verduras “como se dunha serie de natureza mortas” se tratase, explica, “só que aquí non son representadas en pinturas, senón que se representan como orixinais reais e frescos na exposición”.

Así, na mostra que se inaugura na tarde deste mércores preséntanse un conxunto de 25 froitas e verduras colocadas directamente nas paredes dun xeito lineal. A Sala Manuel Moldes súmase con esta proposta a lista de espazos nos que, desde 2012, puideron verse as diferentes versións desta instalación, que Sander ten levado a “numerosas exposicións, tanto individuais como colectivas” en diferentes formatos, desde a exhibición dunha soa froita a propostas conformadas por máis dun centenar de pezas. “O traballo de Karin Sander caracterízase por unha investigación continua sobre elementos e convencións que interveñen na obra de arte”, destaca Pérez-Jofre, que incide en como “a aproximación ao proceso creativo” desta artista implica con frecuencia “un distanciamento da autoría tradicional” e a que a obra sexa producida “baixo certas condicións establecidas de antemán en relación co contexto”. Nese senso, a montaxe levouse a cabo, coa participación do artista e doutor en Belas Artes Thomas Apostolou, seguindo as indicacións de Sander e empregando nalgúns casos vexetais diferentes aos utilizados noutros países. 

Ler a nova completa no DUVI