Horizontes é o título da exposición que reúne na sala O Abrigo, da Facultade de Belas Artes, as creacións de trece artistas emerxentes e que nos próximos meses poderá verse tamén en A Coruña, Monçao e Donosti. Cos estudantes da facultade Noela Paz e Iñigo Barreiro como comisarios, esta mostra propón unha reflexión “sobre a relación entre o ser humano e o seu medio”, explican, na que, a través de gran variedade de técnicas, as e os artistas buscan “explorar as conexións entre as persoas e os espazos que habitan”. Nese senso, pintura, fotografía, vídeo, cerámica e ensamblaxe conviven nesta exposición, inaugurada na tarde deste luns e que poderá visitarse nesta sala ata o 23 de xaneiro.
Como “un espazo para cuestionar e reimaxinar, un limiar entre o individual e o colectivo” preséntase esta mostra colectiva, na que “a arte convértese nun catalizador de novas formas de pensar e sentir, fomentando unha relación máis profunda e consciente co mundo que nos rodea”. Faino a través das creacións de Ada Pérez, Ana Allegue, Ángel Raquidiam, Ángela Estévez, Carolina Ferro, Chary Docal, Chuvia Lago, Ismael Prieto, Luca Rodríguez, Manuel Balsas, Mónica Pérez, Pablo Martínez e Río Marbán, seleccionados nunha convocatoria aberta impulsada polos comisarios en redes sociais. Todas e todos eles, explican Paz e Barreiro, son estudantes e antigos alumnos e alumnas da facultade pontevedresa, coa excepción de Raquidiam, quen cursa esta titulación na Universidad de Castilla-La Mancha.