A pregunta de se é posible empregar a intelixencia artificial xerativa para verificar información, garantindo o rigor e a perspectiva de xénero constituíu o punto de partida do estudo que integrantes do grupo de investigación Sepcom (Comunicación e Servizo Público) desenvolveron ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo. Coordinado polo profesor da Facultade de Comunicación Xabier Martínez Rolán este proxecto permitiu constatar que “hai un potencial na IA para utilizala como ferramenta na loita contra a desinformación”, mais tamén que nas respostas destas plataformas atópanse nesgos de xénero, “sutís pero persistentes”. A análise desenvolvida con catro plataformas, ás que se lle solicitaba información de 20 persoeiros de diferentes ámbitos, sitúa ChatGPT como a “ferramenta máis fiable” para este tipo de tarefas. Este traballo viuse complementado ademais polo desenvolvemento dunha extensión para navegadores que permite empregar a IA xerativa para “a verificación rápida de información con perspectiva de xénero”.
Realizado ao abeiro da convocatoria de axudas á investigación da cátedra que promoven a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, o proxecto Avaliación da IA xerativa na verificación de feitos sobre personalidades de Pontevedra con perspectiva de xénero foi desenvolvido polos investigadores do grupo Sepcom Mabel Míguez, Alberto Dafonte, Juan Manuel Corbacho e Xabier Martínez Rolán. Contou tamén coa participación das investigadoras Teresa Piñeiro e Laura Castro, da Universidade da Coruña, e Graciela Padilla, da Complutense de Madrid.