“A idea do taller era comezar na realidade e cambiar a realidade”, sinala Grzegorz Wnęk, profesor da Academia de Belas Artes de Cracovia, do obradoiro que impartiu esta semana no campus e que deu como resultado final o conxunto de obras que desde este venres poden verse na exposición Next to reality. Seis estudantes da Facultade de Belas Artes e dúas egresadas tomaron parte neste taller no que este artista e docente propuña crear cadros que tivesen como punto de partida a representación diferentes elementos da realidade cotiá, para logo transformala a través da incorporación de textos e novas imaxes.
Os resultados deste taller reúnense na exposición inaugurada nesta xornada na sala O Abrigo, da Facultade de Belas Artes, onde Wnęk impartiu o taller Next to reality, que tiña como obxectivo “desenvolver as posibilidades interpretativas e de imaxinación a través dun sistema multicapa, creando unha composición pictórica con diversas posibilidades de interpretación”. Con esa idea, o artista e docente reuniu un conxunto de elementos na propia sala, nunha sorte de bodegón no que tiñan cabida desde unha planta ata unha pantalla de ordenador. Mais o seu propósito non era que as e os participantes representasen esas pezas, senón empregalas como punto de partida para “irmos á seguinte realidade”. Con esa idea, as e os participantes debían pintar primeiro un fragmento desa realidade, para logo reinterpretala incorporando dous novos elementos; a introdución de texto na imaxe, que podía ser tanto un fragmento dunha obra literaria como unha creación propia; e unha nova imaxe pictórica, coa idea de establecer “novas conexións e posibles lecturas da obra”.