Como un proxecto que representa “anos de formación, descubrimentos e transformacións” preséntase Do final e do comezo, a exposición que reúne no Pazo de Cultura as creacións que 27 novos titulados e tituladas en Belas Artes desenvolveron como traballos de fin de grao. Promovida polo Concello e a facultade, esta mostra colectiva foi inaugurada na noite deste martes, nun acto no que participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o decano, Xosé Manuel Buxán, o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e a comisaria da mostra, Alexandra R. Rey.
“Este proxecto amosa o final dun ciclo para abrir portas a novas experiencias, retos e camiños”, recolle o texto de presentación da exposición, que lembra tamén a figura de Juan Carlos Meana, quen impulsou na súa etapa ao fronte do Decanato esta exposición anual. Seleccionados nunha convocatoria aberta aos TFG defendidos o pasado curso, Do final e do comezo busca articular “unha panorámica das múltiples propostas, investigacións e pensamentos que se formaron no contexto da facultade”, reunindo un conxunto de obras que abranguen desde a pintura ou a fotografía ata a instalación ou a escultura. As creacións de 25 novas tituladas e dous titulados integran unha mostra que reflicte unha diversidade de intereses e temáticas, conectadas á súa vez, como sinalou a súa comisaria, polo seu interese de indagar sobre a súa orixe e polo traballo con elementos téxtiles en múltiples tipos de obras.
Achegar o alumnado á realidade profesional en diferentes sectores é o obxectivo das Conversas Empresa Universidade, unha serie de encontros promovidos polo Campus Crea, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Consello Social da Universidade de Vigo, que terán como protagonistas unha vintena de profesionais da fotografía, a creatividade, a fisioterapia e o deseño. “Que empresas e profesionais poidan darlles a súa visión sobre o mercado laboral é algo moi importante para o alumnado”, salienta a directora da Área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, dunha actividade que arranca o venres 27 na Casa das Campás cun encontro sobre fotografía. A continuación, o luns 30 terá lugar unha xornada sobre creatividade publicitaria na Facultade de Comunicación, mentres que a do 9 de novembro centrarase na fisioterapia, pechándose esta iniciativa, entre o 27 de novembro e o 1 de decembro, cunha serie de talleres na Facultade de Deseño.
Coa excepción destes talleres, que polo seu formato estarán limitados ao alumnado desta facultade, o resto de xornadas están abertas tanto ao estudantado como ao público xeral. Nelas, explica Fernández Souto, participarán “desde profesionais que crearon a súa propia empresa a persoas que traballan por conta allea e que xa teñen un percorrido”, que achegarán ao alumnado tanto "a súa visión da realidade do seu sector e do seu futuro inmediato”, como o seu percorrido profesional.
Impulsar unha liña de colaboración no eido cultural coa Universidade do Minho foi o do motivo central dun recente encontro entre representantes da institución portuguesa e da Vicerreitoría do campus, que ten como primeiro resultado a participación, na tarde deste venres, dun grupo de estudantes de teatro chegados desde Braga na xornada de peche da Miteu. Horas antes de estrear no Teatro Principal a súa obra Roleta Mortis, este grupo de alumnos e alumnas foron recibidos na Casa das Campás pola vicerreitora Eva María Lantarón e o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, así como polo coordinador desta mostra, Salvador del Río.
Esta colaboración, que permite ademais achegar esa “compoñente internacional”, como sinala Lantarón, á XIV edición destra mostra, parte do encontro mantido recentemente coa vicerreitora de Cultura e Territorio da Universidade do Minho, Joana Aguiar, e a pro-reitora de Comunicación Institucional, Teresa Ruão. O seu obxectivo, sinala Lantarón, é promover un “intercambio cultural e abrir fronteiras”, posibilitando iniciativas como que este grupo de estudantes “poidan vir aquí e mostrar todo o que aprenderon ao longo do curso a través desta obra”, pero tamén que as de teatro ou de música tradicional do campus poidan participar en actividades en Portugal. Do mesmo xeito, búscase tamén “aproveitar as sinerxías que podemos fomentar e que poden axudar a engrandecer ás dúas universidades, tanto a do Minho como a de Vigo”, engadiu a vicerreitora, que sinalou a vontade de que esta colaboración poida ir máis aló do cultural “e que tamén nos axude na especialización do campus e a facer visible o Campus Crea”.
Este venres 9 de xuño ábrese o prazo de presentación de candidaturas para participar na décima edición do Pont-Up Store, “o principal evento de fomento da innovación e o emprendemento do noroeste peninsular”, como sinalan desde a organización, que se desenvolverá os días 29 e 30 de setembro en Pontevedra. Promovido pola Universidade de Vigo, no marco do Campus Crea, e organizado polo grupo de investigación G4P Plus Desenvolvemento Estratéxico: organizacións e territorios e a Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, este evento achega aos novos emprendedores e emprendedoras a posibilidade de dar a coñecer os seus produtos e servizos. Nesta décima edición disporán de dúas modalidades para facelo, a través do 35 stands gratuítos que se instalarán no recinto da Praza de España e do evento Pont-Up Exprés, no que dez novos emprendedores e emprendedoras presentarán os seus proxectos a representantes do tecido empresarial galego.
Aberto a proxectos de emprendemento “innovador e creativo”, que leven en funcionamento menos de tres anos e medio (42 meses) ou que se atopen nunha “fase moi avanzada de desenvolvemento”, o prazo de presentación de candidaturas para estas dúas modalidades de participación permanecerá aberto desde este venres ata o 9 de xullo. A organización seleccionará as iniciativas baseándose en criterios como a orixinalidade, a innovación e creatividade do proxecto, o seu valor social, a súa sustentabilidade, o seu potencial económico ou social e a capacidade de desenvolvemento futuro.