Os procesos de innovación na economía circular, a arqueoloxía da arquitectura e o uso dos procedementos téxtiles tradicionais na creación artística centran os tres novos cursos de Extensión Universitaria promovidos a pola Vicerreitoría do campus para os próximos meses. Abertos a toda a cidadanía, desde esta semana permanece aberta a inscrición nesta programación, que se completa cunha nova edición dun seminario que analiza diferentes estratexias márketing e comunicación empresarial a través das experiencias dunha serie de profesionais. “Trátase dunha programación formativa aberta a toda a cidadanía, que ademais de complementar a formación do estudantado de diferentes titulacións, contribúe a achegar a Universidade á sociedade”, sinala a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, respecto dunha serie de actividades que buscan tamén "levar á formación máis aló do curso académico”. De feito, os antigamente coñecidos como cursos de verán esténdese neste 2023 no campus pontevedrés de maio ata outubro, con catro seminarios que ofertan no seu conxunto un total de 100 prazas.
Nesta programación insírense, por unha banda, tres cursos de 30 horas, con taxas de matrícula queoscilan entre os 25 e os 50 euros, ás que se aplica un desconto do 35% ou do 20% para os diferentes colectivos vinculados á UVigo. Nestes tres casos, a inscrición permanecerá aberta ata que se cubran as prazas ou ata 15 días naturais antes da data de inicio. Por outra banda, esta oferta formativa complétase cun curso de 60 horas sobre economía circular, no que a inscrición pechará o 10 de maio e que terá un prezo de matrícula de 100 euros, tamén con diferentes descontos para os colectivos vinculados á Universidade.
Debido ao carácter contaminante de algúns dos seus compoñentes, os aparatos eléctricos e electrónicos non poden rematar a súa vida útil nun colector, senón que deben ser entregados a un xestor autorizado na xestión deste tipo de residuos. Coa idea contribuír á concienciación da comunidade universitaria respecto desta cuestión e promover á vez un adecuado tratamento destes aparellos, a Vicerreitoría do campus promove a XVI edición da Semana de Recollida de RAEE´S (residuos de aparellos eléctricos e electrónicos), que se desenvolverá entre o luns 24 e o venres 28 de abril.
Ao longo da vindeira semana, as diferentes facultades e escolas do campus, a sede da Vicerreitoría e o Pavillón Universitario contarán cun punto de recollida onde as e os integrantes da comunidade universitaria poderán depositar ordenadores, teléfonos móbiles, electrodomésticos e outra serie de aparellos que funcionen con pilas ou baterías. “Trátase da segunda edición desta actividade que realizamos neste curso e o funcionamento mantense igual que sempre”, salienta o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, que incide en que o principal propósito desta iniciativa é “contribuír á concienciación ambiental” da comunidade universitaria. Os aparellos que se reúnan nos diferentes puntos de recollida, nos que non se poderán depositar nin lámpadas nin baterías, serán trasladados posteriormente a un xestor autorizado para o tratamento deste tipo de residuos.
Dar visibilidade ao proxecto de especialización do campus pontevedrés é o propósito central da Semana da Creatividade e da Innovación, un programa de actividades promovido polo Campus Crea, que nos próximos días se desenvolverá nas diferentes facultades e escolas. Gratuítas e abertas ao público, esta serie de conferencias, talleres e actividades culturais conflúe á súa vez coa programación de Culturkata, impulsada pola Facultade de Comunicación. Coa creatividade como fío condutor dunha vintena de propostas, este centro acolleu a apertura conxunta destas dúas iniciativas, que arrancaron coa presentación dunha exposición de carteis de produtos innovadores deseñados polo alumnado e cun relatorio sobre innovación tecnolóxica.
“Nesta Semana da Creatividade e da Innovación o que pretendemos é dar visibilidade ao noso campus de especialización”, salientou a vicerreitora Eva María Lantarón, responsable de inaugurar estas xornadas xunto coa decana, Emma Torres. Ademais de presentar as diferentes iniciativas que engloba esta programación, Lantarón lembrou que o Campus Crea atópase actualmente iniciando os traballos para a súa acreditación, polo que o feito de que o proxecto de especialización “teña unha repercusión tanto a nivel académico como social é para nós moi importante”. Con esta programación a Vicerreitoría celebra cada ano, lembrou, o Día Internacional da Creatividade e da Innovación, que se conmemora o 21 de abril e que é tamén unha das data en torno ás que se articula a Semana da Creatividade Culturkata, xunto co día da súa patroa desta facultade, Santa Catarina de Siena, o vindeiro venres 28. “Para nós é moi importante conmemorar esta Semana da Creatividade, que é a nosa esencia de traballo”, sinalou Emma Torres respecto dunha programación coa que buscan tamén “manter o contacto co noso antigo alumnado”, a través de actividades protagonizadas por profesionais formados no centro.
“Estimular a creatividade e a innovación entre o alumnado da Universidade de Vigo a partir da revisión, reflexión e análise da produción cultural de Francisco Fernández del Riego” é, como recolle a súa convocatoria, o principal obxectivo do terceiro premio Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas, co que a Vicerreitoría do campus quere sumarse á conmemoración, o vindeiro mes de maio, do Día das Letras Galegas. Aberto á participación de todo o alumnado da UVigo, este certame propón que a produción cultural do escritor e ensaísta homenaxeado no presente ano sirva como inspiración para a creación dun “produto cultural ou tecnolóxico de diferente índole”. Nese senso, trátase dun certame na que o alumnado participante terá “liberdade e técnica e artística” para desenvolver todo tipo de obras inspiradas no traballo de Fernández del Riego, promovendo deste xeito que a súa produción literaria sirva como punto de partida para a creación de ilustracións, cómics, fotografías, infografías, pezas escultóricas, composicións musicais ou pezas audiovisuais.
“A pretensión fundamental é potenciar unha mirada da obra” deste ensaísta e escritor “desde outras concepcións artísticas, códigos e soportes”, recolle a resolución reitoral pola que se convoca a terceira edición deste premio, que a Vicerreitoría dedica cada ano á produción literaria do autor ou autora homenaxeado no Día das Letras Galegas. Ata o 4 de maio permanece aberto o prazo de presentación de traballos a un certame que busca “promover a creatividade do alumnado” e achegalos “ao personaxe homenaxeado no Día das Letras Galegas”, como salienta o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres. De aí que destaque o positivo de dar continuidade a unha iniciativa que contribúe a que o estudantado indague “e faga a súa propia interpretación” da obra e traxectoria de Fernández Del Riego, que en 1992 se convertía no primeiro doutor honoris causa na historia da Universidade de Vigo. Escritor, intelectual e político, na traxectoria do autor homenaxeado neste 2023 destacan tanto os seus ensaios sobre a cultura e a literatura galegas, xunto á súa obra narrativa, ademais ter sido un dos impulsores da editorial Galaxia, director da revista Grial ou presidente da Real Academia Galega entre 1997 e 2001.
- Preto de 15 actividades porán en valor a creatividade como piar central do campus de Pontevedra
- O Campus Crea promove un taller para explorar a creatividade persoal e un concurso para levala á rede
- 28 prazas de novo ingreso na Escola Infantil do campus, unha parte reservadas á comunidade universitaria
- Músicas de raíz para dar a benvida a primavera