Coincidindo coa conmemoración, o 21 de abril, do Día Internacional da Creatividade e da Innovación, o campus de Pontevedra busca pór en valor o fío condutor do seu proxecto de especialización, a creatividade, cun conxunto de actividades gratuítas e abertas a toda a cidadanía. Entre o mércores 19 e o venres 28, as diferentes facultades e escolas acollerán unha serie de conferencias, talleres e xornadas, no marco da Semana da Creatividade e da Innovación. Trátase dun conxunto de propostas que buscan pór de relevo “os vínculos que hai entre os distintos graos, mestrados e doutoramentos do campus, a través de actividades que propoñen distintos enfoques da creatividade”, sinala a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto.
“Trátase de actividades que vinculan a innovación, a creatividade e a imaxinación desde distintos puntos de vista e que poden ser moi enriquecedoras para calquera persoa”, engade Fernández Souto da programación promovida polo Campus Crea. Nese senso, esta Semana da Creatividade e da Innovación contará, entre outros, coa participación do creativo publicitario Toni Segarra, que a revista Forbes situou entre as 25 persoas máis influentes de España; do fundador do Museo de Ideas e Inventos de Barcelona, Pep Torres; e da cineasta Ángeles Huerta, directora da película máis galardoada na última edición dos Premios Mestre Mateo, O Corpo Aberto.
Co obxectivo de pór en valor o fío condutor do seu proxecto de especialización, o campus conmemorará a finais de abril a Semana da Creatividade cun conxunto de actividades nas que insiren dúas propostas que, desde diferentes perspectivas, poñen o foco no que supón a idea de creatividade. No marco dunha programación que se presentará nas próximas semanas, o Campus Crea impulsa o obradoiro O cuarto azul, no que a actriz Helen Bertels levará ás persoas participantes a descubrir a súa “forza creativa innata”, explica, a través dun conxunto de actividades. Con sesións virtuais e presenciais, trátase dun curso aberto a toda a cidadanía, que cubrirá as súas 15 prazas por orde de inscrición, a cal pode realizarse desde esta xornada a través do correo
“No obradoiro de creatividade O cuarto azul pretendemos descubrir a nosa forza creativa innata, que pon luz no noso saber e nos impulsa á acción”, sinala a actriz, artista e escritora Helen Bertels no texto de presentación do taller que impartirá no campus nas próximas semanas. A través de sesións de traballo individual que se desenvolverán de xeito virtual, e outras de traballo en grupo, que terán lugar na Facultade de Fisioterapia, este obradoiro busca amosar as e os participantes que “todos somos creativos a diario en cada momento das nosas vidas”, promovendo unha reflexión sobre como as persoas restrinxen a súa propia creatividade a través da atención, a meditación e a arte, traballando con disciplinas como o colaxe. “Haberá moitas tarefas entretidas coas que experimentar e descubrirse”, engade o texto de presentación dun obradoiro no que se proporán actividades como paseos pola natureza, a realización de fotografías ou o uso dunha liberta para anotar ideas.
Ata o vindeiro mércores 5 de abril permanece aberto, segundo o calendario fixado pola Xunta de Galicia, o período de preinscrición na Escola Infantil do campus de Pontevedra, que contará o vindeiro curso con 28 prazas para alumnado de novo ingreso, das que se reserva unha porcentaxe para os fillos e fillas do persoal e alumnado da Universidade de Vigo. No próximo curso, o centro contará con catro aulas e un total de 58 prazas, de tal xeito que, no caso de formalizarse a renovación de todo o alumnado actual, contará con 7 vacantes no grupo de 0-1 anos, outras 6 no de 1-2 e 15 nas aulas de 2-3.
Como explica a directora da escola, Ángeles Rodríguez, as inscricións "poden realizarse tanto de xeito virtual, a través da sede electrónica da Xunta, segundo o modelo BS404A, como de xeito presencial na escola”. De feito, no caso das e os integrantes da comunidade universitaria, destaca, “é preferible” que realicen esta inscrición de no propio centro, xa que a súa solicitude adscribiríase “á cota reservada á Universidade”. No caso de que algunha destas prazas quedase baleira, adxudicaríase “no baremo extraordinario de setembro”, engade. Por outra banda, no caso dos nenos e nenas nacidos unha vez rematado o prazo de preinscrición, será posible presentar estas solicitudes despois do 5 de abril e antes da publicación das listas definitivas de admitidos e excluídos.
Un percorrido pola tradición musical galega, no que houbo espazo para pasodobres, xotas, muiñeiras, coplas ou carballesas, da man de Pepe Vaamonde Grupo, As Cantigas de Elena e a Aula Permanente de Música Tradicional. Esta foi a proposta que a Vicerreitoría do campus despregou na noite deste xoves nos Teatro Principal, nunha nova edición do Concerto de Primavera, que tivo como principal protagonista á formación liderada polo compositor, gaiteiro e frautista Pepe Vaamonde. Nun evento organizado coa colaboración do Concello de Pontevedra, esta formación presentou o seu espectáculo O mellor dos catro elementos, no que propoñen un percorrido polos catro traballos discográficos que editaron ao longo de máis de dúas décadas de traxectoria musical.
A través da combinación de pezas instrumentais de composición propia e cancións tradicionais, a banda que integran Vaamonde, o guitarrista Pipo Alvariño, o baixista Jesús Vidal, o percusionista Miguel Anxo López e a acordeonista Miryam González repasaron algúns dos temas reunidos en catro traballos que, como explicou Vaamonde, naceron da “idea peregrina de dedicar cada disco a un dos catro elementos”. Auga, vento, terra e lume foron nese senso os fíos condutores, respectivamente, de Aviouga (2002), Onde nace o vento (2005), Introterra (2009) e Nas Pedras do Lar (2015), discos que repasaron nunha actuación na que tamén estrearon dúas composicións que formarán parte do seu próximo traballo.
- O Campus Crea reúne expertos académicos e representantes do tecido social e empresarial en dous comités consultivos
- Pepe Vaamonde Grupo protagonizará o Concerto de Primavera do campus
- Estudantes de doutoramento presentan os seus proxectos na Semana de Investigación do Campus Crea
- A Sala Manuel Moldes acolle unha colección de obras de estudantes de Belas Artes de Bilbao de diferentes xeracións