Creatividades híbridas, entre o virtual e o matérico é o lema escollido polo Campus Crea como eixe vertebrador da semana de actividades que impulsa cada ano con motivo da conmemoración do Día Internacional da Creatividade, co propósito de servir como escaparate do proxecto de especialización do campus pontevedrés. Promovida co apoio da Deputación de Pontevedra, a programación da Semana Crea 2026 desenvolverase entre o 20 e o 24 de abril en diferentes facultades e permitirá reflexionar sobre a evolución da creatividade en diferentes eidos, nuns tempos marcados polas tecnoloxías dixitais.
Nesta programación insírense propostas como a mesa de debate que reunirá tres directores xerais da axencia de publicidade Contrapunto ao longo da súa historia, promovida co apoio de Creatividade Galega; conferencias sobre a evolución do deseño en Galicia; un taller de escritura creativa impartido por Manel Loureiro ou un obradoiro que conectará corpo e tecnoloxía. “Buscamos que haxa actividades máis específicas para as titulacións do Campus Crea, e outras máis abertas”, sinala Ana Belén Fernández Souto, directora de área do Campus de Especialización Crea. Aberta a toda a cidadanía, esta programación afondará na creatividade desde unha perspectiva transdsiciplinar, así como nas súas aplicacións nos eidos da comunicación. Farao pondo o foco “na fronteira entre o tradicional e o que está por chegar” no eido da creatividade, “coa irrupción, especialmente, da intelixencia artificial”, salienta Fernández Souto.
Espazos activos, deseño e interfaces
A programación da Semana Crea botará a andar o luns 20 de abril coa mesa de debate Experiencias comunitarias na promoción de espazos activos, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Moderado polo profesor Roberto Silva, trátase dun coloquio sobre como “o deseño, a xestión e a intervención nos espazos” urbanos, educativos ou deportivos, poden contribuír á “activación” destes espazos, “favorecendo usos máis inclusivos, participativos e sostibles”, sinala. Os espazos deportivos abertos, o deseño arquitectónico e pedagóxico e as intervencións artísticas no espazo público serán tres dos eixos dun debate no que participarán a arquitecta Elena Belgrano; o director do Servizo de Deportes do Concello de Pontevedra, Jaime Agulló; e o artista Javier Carrera.
Tamén na mañá do luns, a Facultade de Deseño acollerá unha conferencia centrada no traballo e traxectoria de Pepe Barro, “un referente do deseño galego”, como sinalan desde a súa organización. Baixo o título de Construír Galicia desde o deseño, Barro trazará un percorrido pola súa traxectoria profesional, iniciada en 1973, e que levárono a converterse nunha “figura clave na construción da historia do deseño en Galicia”, como sinalan desde a Fundación Didac, que acolle actualmente unha exposición dedicada ao arquivo dun profesional que contribuíu, desde o deseño, a renovar “os sinais de identidade” da comunidade.
Xa o martes 21 e mércores 22, Belas Artes será a sede do obradoiro Creación de interfaces brandas, a cargo da artista gráfica e doutora pola Universidade de Vigo María Castellanos. Con inscrición previa a través do correo
Ler a noticia completa no DUVI
Co apoio da Deputación de Pontevedra, Campus Crea impulsa por primeira vez unha convocatoria de axudas para a organización de congresos relacionados coas liñas estratéxicas do proxecto de especialización. Dirixida a contribuír ao financiamento de congresos e reunións científicas centrados nos ámbitos da arte, o deseño, a comunicación e a educación, trátase dunha convocatoria á que se destinan un total de 9000 euros. O seu obxectivo é contribuír ao impulso de encontros científicos que “potencien o desenvolvemento de actividades de investigación enmarcadas nas liñas estratéxicas do Campus de Especialización Crea, así como a transferencia dos resultados no ámbito nacional e internacional”, segundo recolle nas súas bases.
“É a primeira vez que se fai unha convocatoria de axudas á organización de congresos dentro do campus de especialización”, apunta a directora de área do Campus Crea, Ana Belén Fernández Souto, que lembra que se trata dunha iniciativa “compatible con outras axudas” e que mantén aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o 5 de abril. “É unha forma de posicionar o campus de especialización a nivel nacional e tamén internacional”, destaca dunha convocatoria que nace tamén co obxectivo de contribuír “á promoción do Campus Crea e das súas titulacións” e que se insire no apoio da Deputación ao proxecto de especialización.
Ler a noticia completa no DUVI
Poucos meses despois de lograr o premio en Debut 2025, a egresada do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda Mericusan presentou unha versión ampliada do seu traballo de fin de mestrado na Mercedes-Benz Fashion Week Madrid. O seu proxecto Ángel de Cristal foi unha das dez coleccións seleccionadas para o Ego, a plataforma para talentos emerxentes desta pasarela, que este domingo protagonizou a xornada de peche da 83 edición da Fashion Week Madrid.
Nela, Mericusan levou á pasarela unha versión ampliada do proxecto co que novembro lograba o Premio ao Deseño e á Creatividade, outorgado pola Fundación Bimba y Lola, en Debut 2025. Cunha estética inspirada no manga e no anime xaponés, a deseñadora presentou na pasarela do Ifema un proxecto que “explora a feminidade como un espazo de fantasía, anhelo e contradición a través do imaxinario do shojo, as magical girls e a subcultura lolita”, como recolle o seu texto presentación. En Ángel de Cristal, Mericusan constrúe un relato arredor do “desexo de converterse en protagonista dunha fantasía propia”, a partir do concepto de The Dreamed Dress, “un vestido branco que representa un ideal inalcanzable de pureza, beleza e perfección". Partindo desta idea, presentou un conxunto de estilismos “que combinan volantes, enaguas e siluetas románticas cunha paleta cromática en branco e negro e tecido intervidos, cristalizados e encapsulados”, cos que buscaba materializar “a tensión entre inocencia e baleiro”. Concibida como “un intento sempre incompleto de encarnar esa fantasía hiperfeminina”, a colección que exhibía este domingo “habita ese espazo ambiguo entre o etéreo e o escuro, onde o vestido é promesa, refuxio e desencanto”, recolle o seu texto de presentación.
Ler a noticia completa no DUVI
A pregunta de se é posible empregar a intelixencia artificial xerativa para verificar información, garantindo o rigor e a perspectiva de xénero constituíu o punto de partida do estudo que integrantes do grupo de investigación Sepcom (Comunicación e Servizo Público) desenvolveron ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo. Coordinado polo profesor da Facultade de Comunicación Xabier Martínez Rolán este proxecto permitiu constatar que “hai un potencial na IA para utilizala como ferramenta na loita contra a desinformación”, mais tamén que nas respostas destas plataformas atópanse nesgos de xénero, “sutís pero persistentes”. A análise desenvolvida con catro plataformas, ás que se lle solicitaba información de 20 persoeiros de diferentes ámbitos, sitúa ChatGPT como a “ferramenta máis fiable” para este tipo de tarefas. Este traballo viuse complementado ademais polo desenvolvemento dunha extensión para navegadores que permite empregar a IA xerativa para “a verificación rápida de información con perspectiva de xénero”.
Realizado ao abeiro da convocatoria de axudas á investigación da cátedra que promoven a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, o proxecto Avaliación da IA xerativa na verificación de feitos sobre personalidades de Pontevedra con perspectiva de xénero foi desenvolvido polos investigadores do grupo Sepcom Mabel Míguez, Alberto Dafonte, Juan Manuel Corbacho e Xabier Martínez Rolán. Contou tamén coa participación das investigadoras Teresa Piñeiro e Laura Castro, da Universidade da Coruña, e Graciela Padilla, da Complutense de Madrid.
- O grupo dx5 proxecta en Arco o seu labor artístico e investigador
- Corpo e diáspora conectan as creacións de 17 artistas na Sala Manuel Moldes
- Docentes do campus deseñan un avatar virtual con perspectiva feminista
- Persoal investigador de 20 países conecta a investigación artística coa intelixencia artificial e a aprendizaxe automática