Amplamente utilizados nos ámbitos da arte e da artesanía, pero tamén en determinados procesos industriais, a realización de moldes de escaiola cos que xerar diferentes copias dunha peza escultórica constitúe o eixe central dun curso de verán que nestas semanas se desenvolve na Facultade de Belas Artes. Inserido na programación de actividades de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus, 20 persoas participan nunha actividade que busca achegarlles, dun xeito práctico, os procesos básicos de creación de moldes e ás súas posibilidades para a elaboración de pezas artísticas.
“Ao longo da historia, os moldes constituíron unha parte fundamental dos procesos escultóricos e de creación de formas, mantendo a súa relevancia na actualidade xunto cos novos materiais”, salienta Covadonga Barreiro, directora dun curso que conta coa participación como docentes do profesor da Facultade de Deseño Eduardo Outeiro, da titulada en Belas Artes e técnica en escultura Teresa Pece e da tamén licenciada desta facultade Iris Rodríguez.
Con diferentes sesións entre xuño e outubro, o obxectivo deste curso é dotar ás persoas asistentes dunha “base de coñecementos que lles permita ter unha visión xeral” dos moldes de escaiola, que fan posible xerar copias dunha peza en materiais como resina, cera ou barro. Con esa idea, a formación arrancou cunha sesión centrada nos tipos de moldes e nas súas características e aplicacións, para logo abordar as técnicas para a súa construción.
Ler a noticia completa no DUVI
O III Congreso Internacional de Creatividade terá como eixe temático as transformacións que tecnoloxías como a intelixencia artificial están a xerar nas catro áreas que abrangue o proxecto de especialización do campus de Pontevedra: a comunicación, o deseño, a arte e a educación. Promovido polo Campus Crea, co apoio da Deputación de Pontevedra, este foro académico desenvolverase os días 8 e 9 de outubro, reunindo no seu programa conferencias, mesas temáticas e presentacións de estudos que porán o foco “en como a creatividade se reconfigura nun contexto marcado pola intelixencia artificial, a sostibilidade, a ética dixital e transformación educativa”, sinalan desde o comité organizador.
Dirixido polas docentes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Margarita Pino e Sara Domínguez Lloria, con Susana Blanco como secretaria do comité organizador, este congreso estrutúrase un ano máis en catro bloques, correspondentes coas catro áreas do Campus Crea. Baixo o título de Conexións reais: deseño, arte e educación na era dixital, esta edición busca dar resposta á necesidade “de abordar unha realidade cada vez máis presente e con importantes implicacións de futuro nos ámbitos arredor dos cales se articula o congreso”, salienta Pino. “A tecnoloxía e, particularmente, a intelixencia artificial están a producir unha profunda transformación” nos eidos da educación, a arte, o deseño e a comunicación, “polo que consideramos necesario promover un espazo de análise, reflexión e debate sobre as súas posibilidades, desafíos e implicacións éticas e creativas”, subliña esta catedrática.
Ler a noticia completa no DUVI
A profesora do Departamento de Debuxo Carmen Hermo encabeza a única candidatura ao Decanato da Facultade de Belas Artes, tras completarse o segundo mandato do profesor Xosé Manuel Buxán á fronte do centro. Actual secretaria académica da facultade, Hermo Lage encabeza unha candidatura que completan as e os docentes Carmen Lage, Basilisa Fiestras, José Andrés Santiago e Marcos Covelo e que se someterá á votación da Xunta de Facultade o luns 27 de xullo.
Licenciada en Belas Artes pola Universidad de Salamanca e doutora pola Universidade de Vigo, Hermo salienta o “nivel de traballo e compromiso” das e dos integrantes da candidatura proclamada provisionalmente nesta xornada. Profesora da facultade desde o curso 2017-2018, recoñece, de feito, que un dos aspectos que a levaron a dar o paso de presentar a candidatura foi contar con “xente nova á que lle apeteza involucrarse” no goberno da facultade. Nomeadamente, completan o equipo proposto as e os profesores Carmen Lage, como vicedecana académica; Basilisa Fiestras, como videcana de alumnado; José Andrés Santiago, como vicedecano responsable da área de internacional, e Marcos Covelo, como secretario académico. Trátase, subliña, dun equipo de “xente nova, implicada, que traballa moi ben, cunha metodoloxía moi efectiva”, o que á súa vez lévaa á pór de relevo que “necesitamos unha aproximación urxente” ás novas xeracións do alumnado, “moi separadas da nosa propia xeración”.
Tras a proclamación provisional nesta xornada, ábrese período de reclamacións, previo á aprobación definitiva da candidatura o vindeiro venres 24. O luns seguinte, someterase á votación das e dos 37 integrantes da Xunta de Facultade, debendo acadar máis votos a favor que en contra.
Ler a noticia completa no DUVI
Como traballo práctico para unha materia do Grao en Comunicación Audiovisual, o estudante Marzo Lozano debía realizar unha curtametraxe documental de cinco minutos, que decidiu centrar nun “home de orixe alemán, que vive nas montañas de Galicia, afastado da modernidade”, explica. As gravación realizadas para este traballo académico remataron á súa vez transformándose no punto de partida de El silencio de Allen Robert Angelo, un documental de 27 minutos, que converteu este estudante da Facultade de Comunicación no gañador da sección Supernova do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto.
Centrada, como sinalan desde a organización, en “primeiros traballos que teñen fácil acceso a grandes espazos de difusión profesional”, un total de 16 obras foron seleccionadas para esta sección dun festival que ten lugar en Santiago de Compostela e que celebraba nas últimas semanas a súa vixésimo terceira edición. Esta completouse cunha gala de entrega de premios na que Lozano Ramírez recollía un galardón cunha dotación económica de 1000 euros e co que “emocioneime moitísimo”, recoñece. “Cando recibín o correo electrónico que me avisaba de que gañara, non o podía crer”, admite este estudante, que outorga un “valor enorme” a un recoñecemento que ve como unha motivación para “seguir creando” e que ensinoulle que “non fai falla ter moitos recursos par facer algo que realmente teña valor”.
Ler a noticia completa no DUVI
- O simulador de procesos de produción audiovisual con realidade virtual da Facultade de Comunicación dótase dun construtor de espazos
- A luz inspira os proxectos que estudantes de Belas Artes e Deseño desenvolven xunto a alumnado de diferentes disciplinas
- Unha curta que cuestiona os roles domésticos representa a Belas Artes na mostra dunha rede universitaria
- A exposición 'Elas Crean' visibiliza no campus a 15 mulleres referentes en diferentes ámbitos creativos