Como un proxecto que representa “anos de formación, descubrimentos e transformacións” preséntase Do final e do comezo, a exposición que reúne no Pazo de Cultura as creacións que 27 novos titulados e tituladas en Belas Artes desenvolveron como traballos de fin de grao. Promovida polo Concello e a facultade, esta mostra colectiva foi inaugurada na noite deste martes, nun acto no que participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o decano, Xosé Manuel Buxán, o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e a comisaria da mostra, Alexandra R. Rey.
“Este proxecto amosa o final dun ciclo para abrir portas a novas experiencias, retos e camiños”, recolle o texto de presentación da exposición, que lembra tamén a figura de Juan Carlos Meana, quen impulsou na súa etapa ao fronte do Decanato esta exposición anual. Seleccionados nunha convocatoria aberta aos TFG defendidos o pasado curso, Do final e do comezo busca articular “unha panorámica das múltiples propostas, investigacións e pensamentos que se formaron no contexto da facultade”, reunindo un conxunto de obras que abranguen desde a pintura ou a fotografía ata a instalación ou a escultura. As creacións de 25 novas tituladas e dous titulados integran unha mostra que reflicte unha diversidade de intereses e temáticas, conectadas á súa vez, como sinalou a súa comisaria, polo seu interese de indagar sobre a súa orixe e polo traballo con elementos téxtiles en múltiples tipos de obras.