Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Coñecer o fenómeno da desinformación, con que finalidades se emprega, que colectivos sofren esta problemática en maior medida e cales son os mecanismos utilizados para a difusión de noticias falsas ou loiadas. Nestes aspectos afonda a formación impartida nos últimos días por técnicos de Ecos do Sur a preto de 40 estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual, que traballarán ao longo do cuadrimestre na elaboración e difusión, a través das redes sociais, dunha serie de vídeos dirixidos a informar á cidadanía respecto destas cuestións. Fano no marco dunha nova edición do proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) Dixitais. Laboratorio cidadán para a competencia dixital e mediática, que coordina o profesor Alberto Dafonte e que arrincou con dúas sesións formativas impartidas por técnicos de Ecos do Sur na Facultade de Comunicación.

Seleccionado na convocatoria de proxectos de aprendizaxe-servizo no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da Vicerreitoría de Transferencia, Innovación e Impacto Social, trátase dun ApS inserido nas actividades da materia Propaganda en medios audiovisuais, que busca que o alumnado poida comprender o fenómeno da desinformación e os seus efectos ao tempo que xera recursos cos que axudar a identificala e combatela. “O que implica un ApS é que ti fas algo que esperas que teña unha repercusión positiva na sociedade, polo que non o fas de costas á sociedade, senón que tratas de ter unha interlocución”, salientaba Dafonte no arranque desta iniciativa. Con ese propósito, o proxecto conta un ano máis coa colaboración de Ecos de Sur, “unha organización moi implicada na loita contra o discurso do odio e a desinformación”, destaca o coordinador do grupo de innovación docente Dixitais. 

 

Ler a noticia completa no DUVI