Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Coordinado polos investigadores do grupo CP2 da Facultade de Comunicación Xosé Rúas e Ana Belén Fernández Souto, o proxecto Mapa de la Desinformación en las Comunidades Autónomas y Entidades Locales de España y su Ecosistema Digital (FAKELocal) pon o foco nos efectos da desinformación nun ámbito pouco analizado, como é a política autonómica e local. No marco desta iniciativa e en colaboración con Newtral, un grupo de 15 alumnos e alumnas desta facultade fórmanse nestas semanas no manexo de técnicas e ferramentas de verificación de datos, pondo os seus coñecementos en práctica nun seguimento dos debates das autonómicas galegas. Tamén no marco deste proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, nestes días ve a luz un libro que afonda no impacto da desinformación na esfera local, realizado coa colaboración da Asociación Española de Investigación en Comunicación (AE-IC) e que reúne as achegas de 15 especialistas de diferentes universidades.

Inserido tanto nas actividades deste proxecto como nos labores de formación e alfabetización mediática de Newtral Educación, alumnado das tres universidades galegas participa nestes días nun Verificatón, dirixido a que o estudantado coñeza como se desenvolve un proceso de fact-checking coincidindo cos debates televisivos previos ás eleccións autonómicas. No caso da Facultade de Comunicación, 15 estudantes da materia do Grao en Publicidade e Relacións Públicas Técnicas de Comunicación Electoral, que imparten Rúas e Iván Puentes, sumáronse a unha iniciativa que abrangueu en primeiro termo unha xornada de formación sobre como comprobar, con datos e fontes, a veracidade das afirmacións realizadas no marco dun debate.

Ler a nova completa no DUVI