Egresado da Facultade de Comunicación, o cineasta Álvaro Gago retornará ao campus pontevedrés nas próximas semanas para titorizar dez estudantes e egresados e egresadas na realización das curtametraxes que presentarán na primeira xornada do festival Novos Cinemas. Promovido pola Vicerreitoría do campus e o festival, ata o 1 de outubro permanece aberto o prazo de presentación de candidaturas para participar no taller Cine rachado e consciente na praza do teu pobo, no que o director de Matria levará o estudantado a “repensar a contorna que nos rodea co fin de abrir novas posibilidades”, segundo sinalan desde a organización.
Dando continuidade a unha iniciativa que en cursos previos permitiu ao alumnado do campus traballar con directores como Oliver Laxe ou Jaione Camborda, trátase dun taller articulado en catro sesións, que dará como resultado final as curtas coas que as seleccionadas e seleccionados estrearán en decembro, no marco da programación da novena edición de Novos Cinemas. Nesta ocasión, farano cos resultados dun obradoiro que levaraos a buscar “no cotiá e no aparentemente xa coñecido e transitado” o material para as súas curtas. Como recolle o texto de presentación deste taller, o obxectivo desta actividade é en primeiro termo achegarse a aqueles filmes que amosan “unha maneira singular de estar e relacionarse co mundo”, para logo “traer á superficie esas olladas propias e reveladoras” dos seleccionados e seleccionadas.