Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

 

Ecofeminismo, arte en contexto, comunidade, herdanza e territorio. Estes cinco conceptos guían ao longo desta semana os once artistas, investigadoras e investigadores que participan en Ons na residencia Geografía Poética, promovido pola profesora da Facultade de Belas Artes da UVigo Holga Méndez e a docente da Universidad de Zaragoza Belén Díez, no marco da rede europea Artistic Intelligence. Responsiveness, accessibility, responsibility, equity (ARTinRARE). Procedentes de España, Portugal, República Checa, Italia, Colombia, Reino Unido, Austria, Serbia e Suecia, as e os seleccionados na convocatoria aberta para un workshop no que se lles convida a “repensar e reformular” os seus proxectos nas “coordenadas” dun seminario que busca conectar a acción e investigación artística co “contexto concreto da illa”, como explica Méndez.

Esta iniciativa insírese nas accións dunha rede de investigación financiada polo programa COST da Unión Europea, que centra o seu traballo en conectar a investigación artística baseada na práctica con outras culturas investigadoras ou novas ferramentas tecnolóxicas. Liderado polo Instituto de Investigación en Arte, Deseño e Sociedade da Universidade do Porto, o proxecto ARTinRARE conta coa participación de máis de 200 artistas e investigadores nos seus diferentes grupos de traballo e ten como punto de partida o concepto de intelixencia artística, que fai referencia á capacidade colectiva da investigación artística baseada na práctica para xerar impacto e valor máis aló dos resultados específicos dun proxecto. Estes grupos de traballo reuníanse o pasado mes de febreiro na Facultade de Belas Artes da UVigo, nun encontro promovido por Méndez, membro do comité de xestión desta rede e directora, xunto con Díez, do proxecto Geografía Poética. Impulsado pola Universidad de Zaragoza, esta iniciativa naceu en Teurel e tiña como obxectivo a creación dunha rede de conexións entre comunidade, patrimonio e territorio a través de intervencións artísticas contextualizadas.

Ler a noticia completa no DUVI