Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

 

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección “do mellor do audiovisual galego”, como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca este mesmo luns e se estende ata marzo de 2027.

Promovida pola Facultade de Comunicación co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic) e da Deputación de Pontevedra, esta máster class ten como obxectivo “pór en valor o noso cine e o noso audiovisual”, como destacou Pérez na súa presentación este luns na sede da Vicerreitoría. Dirixido a ampliar a formación do alumnado da facultade, pero aberta ao conxunto da cidadanía, a presentación deste ciclo contou coas intervencións da vicerreitora do campus, Marián Fernández; o director da Agadic, Jacobo Sutil; a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres; e o deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela. 

Todos eles puxeron de relevo a colaboración institucional que fai posible esta nova edición dunha “actividade claramente consolidada e con aínda máis proxección de futuro”, como apuntou a vicerreitora. Torres enxalzou tamén a traxectoria dun evento impulsado hai 16 anos polo profesor Miguel Anxo Fernández e que constitúe “un apoio máis” no obxectivo da facultade de contribuír a “facer do sur de Galicia unha referencia no sector audiovisual”. Conformada por oito sesións nas que as proxeccións se ven complementadas por un encontro coas e os seus responsables, Torres destacou tamén a aposta de Augal por “pór en valor as creadoras femininas” nun sector no que existe “un teito de cristal que non acabamos de romper”. 

Ler a noticia completa no  DUVI