Muíñeiras, xotas, mazurcas, pasodobres e polcas soaron na tarde deste luns na pontevedresa praza da Verdura, espazo no que a Aula Permanente de Música Tradicional Galega abría o ciclo de actuacións no espazo público que desenvolve ao longo do mes de xuño. Dirixido a achegar á cidadanía os resultados da actividade formativa que a Vicerreitoría do campus promove desde hai seis cursos, esta primeira actuación tivo como protagonistas ás preto de 30 persoas que integran o grupo de gaitas e percusión desta aula. Co músico Suso Vaamonde como responsable, trátase dunha actividade formativa aberta á participación e toda a cidadanía, que permite iniciarse ou perfeccionar coñecementos no manexo de diferentes instrumentos populares.
Os avances neste eido das 44 persoas que participaron no presente curso nesta actividade fixeron posible a posta en marcha dun grupo estable de música tradicional no campus que, tras participar en diferentes actuacións dentro e fóra da Universidade, neste mes de xuño protagoniza unha serie de concertos en diferentes prazas da cidade. Programados todos eles para as 20.30 horas e impulsado coa colaboración do Concello, este ciclo arrancou na tarde deste luns na Verdura e trasladarase o día 12 á praza do Teucro, onde o grupo de gaitas e percusión estará acompañado en varias pezas polo coro sénior do campus de Vigo e polo novo grupo de baile tradicional do campus, xurdido do obradoiro de iniciación impulsado no presente curso por primeira vez. Á semana seguinte, a actuación trasládase á praza da Ferraría, onde estarán acompañados polo Grupo de Danza da Universidade de Santiago de Compostela. Finalmente, este ciclo pecharase o día 26, no último luns de xuño, cun concerto na praza de España protagonizado pola aula ao completo, tanto con gaitas e percusión como con acordeóns, zanfonas, ocarinas e frautíns,e no que participarán tamén outras seis agrupacións. Concretamente, sumaranse a esta actuación a Escola de Instrumentos Populares Galegos Suso Vaamonde de Caldas de Reis, a asociación Amigos da Música de Salceda de Caselas, a agrupación folclórica Tequexetéldere da Estrada, a Escola Municipal de Música e Baile Tradicional do Concello de Outes, a asociación cultural A Fuliada de Betanzos e o grupo folclórico Hai que Roelo de Cuntis.