As obras de dez antigos alumnos e alumnas da Facultade de Belas Artes, que a día de hoxe son profesionais da banda deseñada e da ilustración, reúnense na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, que este venres acollía a inauguración da exposición 9 narrativas gráficas e unha animación desesperada. Comisariada polo autor e editor de cómics Kiko da Silva, esta mostra permite achegarse ao traballo realizado no ámbito da banda deseñada por Brais Rodríguez, Jano, José Domingo, Julia Lago, Martín Romero, Miguel Cuba, Miguel Porto e Miguel Iglesias, así como polo propio comisario. A exposición, que poderá visitarse ata o 29 de xuño e que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, presenta tamén unha animación e unha serie de bocexos que o tamén exalumno e gañador de catro premios Goya Alberto Vázquez realizou para o seu filme de animación Psiconautas.
“Que, por primeira vez, teñamos a sorte de traer banda deseñada á facultade creo que non é simplemente un feito momentáneo, creo que é un cambio”, salientou Da Silva neste acto, no que lembrou que ao cómic “custoulle moito ser recoñecido dentro do que é o ámbito artístico”. De aí que definise como un “acto de xustiza” a idea do novo coordinador da sala, Ignacio Pérez-Jofre, de dedicar unha exposición a creadores de banda deseñada formados na facultade. A través das obras dunha serie de artistas de diferentes xeracións, a exposición achega “unha pequena pincelada” do que representa na actualidade o panorama da banda deseñada en Galicia. Neste punto, Da Silva incidiu en como a ausencia dunha industria do cómic na comunidade e a formación en Belas Artes de boa parte dos seus profesionais contribúen a que na banda deseñada galega convivan “gran cantidade de estéticas e de procesos creativos”, reflectidos tamén nesta exposición.