Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Resultado dun proceso de traballo no que contou coa colaboración dun grupo de estudantes da Facultade de Belas Artes, o artista británico Simon Callery presenta na tarde deste xoves na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes unha obra de grandes dimensións que é o resultado final de semanas de traballo en contacto directo coas paisaxes do río Lérez, Cabo Udra e Mogor. Baixo o título de The making of a painting / Facer unha pintura, este espazo expositivo acollerá ata o 30 de abril a que é a terceira exposición en España dun artista que ao longo das últimas tres décadas protagonizou un bo número de mostras, tanto no Reino Unido como en diferentes países. Nela poderá verse tanto unha pintura que, explica Callery, “non é unha representación da paisaxe”, senón que foi “feita en contacto” con esta, como un vídeo que documenta o proceso de traballo para a realización desta peza.

“A obra non fala sobre un lugar, senón que provén del. É unha pegada do territorio, pero non está intentando representalo”, destaca Elena Bangueses, comisaria dunha exposición promovida coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e do Departamento de Pintura da UVigo. Como explica o coordinador da Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes e vicedecano de Cultura de Belas Artes, Ignacio Pérez-Jofre, a obra de Callery defínese por “unha concepción da pintura marcada pola materialidade” e tamén por “un traballo moi relacionado co territorio”, o que sumado a que o artista londiniense xa tiña desenvolvido procesos colaborativos previamente levárono a convidalo á realización “dun taller, coa intervención de estudantes, encamiñado a producir unha obra”.

Ler a nova completa no DUVI