Abordar o estado no que se atopa o proceso de acreditación do Campus Crea, tras a sinatura dun protocolo coa Xunta de Galicia, foi o eixe central das xuntanzas dos seus comités consultivos académico e social-empresarial do proxecto de especialización desenvolvidas este luns. Integrados por persoal investigador de diferentes universidades e por responsables de diferentes institucións e entidades, as e os integrantes destes órganos de asesoramento abordaron nunhas xuntanzas, que combinaron o seguimento presencial e virtual, un acordo que contempla destinar preto de dous millóns de euros ao desenvolvemento dun plan de reforzo do Campus Crea no período 2026-2028 e no que se inserirán un conxunto de medidas orientadas a que o proxecto poida afrontar o proceso de acreditación como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia.
Como unha “moi boa nova, que nos vai permitir facer un traballo excelente durante estes dous anos”, presentou o reitor, Manuel Reigosa, o protocolo xeral de actuación asinado o 14 de abril co conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez. Como explicou nunhas xuntanzas nas que estivo acompañado pola directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, este acordo implicará a posterior sinatura dun convenio que suporá unha achega de preto de dous millóns de euros os próximos dous anos, co obxectivo de que o campus de Pontevedra “poida avanzar na súa especialización”.
En tres reunións na sede da Vicerreitoría do campus, este acordo foi abordado en primeiro termo co comité consultivo académico, que reúne especialistas das universidades de Santiago de Compostela, Complutense de Madrid, Autónoma de Barcelona, Nacional Autónoma de México, Sharkah (Emiratos Árabes Unidos) e Minho. Dirixidas tamén a reunir as “visións complementarias” das e dos seus membros, a segunda reunión foi co comité social-empresarial, integrado por responsables do Concello de Pontevedra, Deputación Provincial, Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Museo de Pontevedra, Rede de Museos Municipais de Vigo, Academia Galega do Audiovisual, Foro Empresa Pontevedra, Creatividade Galega, Clúster da Comunicación de Galicia e Asociación Profesional de Artistas de Galicia A Colectiva. Orientado o desenvolvemento dun plan de reforzo do Campus Crea, a través dun conxunto de medidas, centradas principalmente no eido de investigación, este protocolo foi tamén abordado nesta xornada co Consello Reitor do Campus Crea.
Ler a noticia completa no DUVI